Betanzos abre prazo para crear unha "balconada" interxeracional dentro programa 'Betanzos Acompáñate'
O Concello de Betanzos mantén aberta, dende o pasado 17 de xuño, o prazo de presentación de Balconadas, o certame bienal que organiza xunto coa Fundación Villuendas Pena, e que este ano chega á XVII edición.
En paralelo, e por primeira vez, os departamentos de Servizos Sociais, o Museo e a Biblioteca, uniranse para, a través dos programas que desenvolven, os primeiros con persoas maiores, dentro do programa Betanzos Acompáñate, e os segundos (Museo e Biblioteca) con persoas de todas as idades, usuarios e usuarias destes servizos, crear conxuntamente unha “balconada” para participar na edición deste ano.
Trátase dunha actividade que se desenvolverá os días 1, 2 e 3 de xullo na que haberá achegas de persoas de varias xeracións, con intercambio de experiencias e colaboración para unirse a través da arte e facer “unha obra que represente a todos os colectivos”. Antes, o día 28 de xuño, as persoas que participen na actividade terán un primeiro contacto cunha visita guiada á Fundación CIEC de gravado.
As persoas interesadas poderán inscribirse previamente durante esta semana museodasmarinas@betanzos.net
O Concello lembra que o prazo de admisión de obras remata o día 5 de xullo. Poderán participar maiores de idade de calquera nacionalidade que non conseguiran premio nas dúas edicións anteriores e con obras que non foran premiadas anteriormente en ningún outro concurso ou certame.
As obras poden ser verticais ou horizontais cunhas medidas mínimas de 120×160 cm e máximas de 150×200 cm. Terán soporte flexible (lenzo, tela de saco, lona, plástico, etc) sen partes ríxidas que poidan cuartearse o desprenderse coa acción do vento e con produtos inalterables á acción da auga.
Os premios serán un primeiro, dotado con 5 000 euros, e dous accésits dotados cada un deles con 1500 euros. O xurado do premio valorará as obras segundo a calidade artística do traballo, a técnica utilizada adecuada ao contorno expositivo, a orixinalidade da obra, a innovación, a forza expresiva e creatividade do autor ou autora.
As obras estarán expostas do 24 de xullo ao 1 de setembro nos balcóns. Mentres que a entrega de premios será o 13 de agosto.