Betanzos abre o prazo de inscrición para o Campamento de Nadal 2024/2025

O Concello de Betanzos puxo en marcha o Campamento de Nadal 2024/2025, que terá lugar nas instalacións do CEIP Francisco Vales Villamarín entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres. Este campamento, que forma parte do programa Betanzos Concilia, está orientado a facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal durante as vacacións de Nadal, ofrecendo un espazo de esparcemento e aprendizaxe para a infancia.
O campamento está dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (nados entre 2012 e 2021), e conta cun máximo de 20 prazas dispoñibles. A cota de inscrición é de 50 euros por menor, cun desconto do 20% para familias numerosas.
Obxectivos e actividades
O Campamento de Nadal persegue unha dobre finalidade: axudar ás familias a conciliar a súa vida laboral e persoal, e proporcionar unha alternativa de lecer en igualdade de oportunidades para nenos e nenas. Entre os obxectivos destacan: reforzar a igualdade de oportunidades na infancia; fomentar a integración social de menores en risco de exclusión; promover o uso da lingua galega e a cultura local; desenvolver habilidades sociais e fomentar o respecto pola diversidade; e, impulsar a convivencia, a creatividade e a actividade física ao aire libre.
As actividades, adaptadas á época do Nadal, incluirán xogos cooperativos, obradoiros creativos e lúdicos, fomento de valores como a igualdade de xénero e o respecto ao medio ambiente, ademais dunha saída organizada fóra do municipio.
Inscricións e prazas dispoñibles
O prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 13 de decembro, e as solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica do Concello, no apartado de Servizos Sociais. Como excepción, as familias que xustifiquen carecer de acceso a medios electrónicos poderán realizar a inscrición de forma presencial nas dependencias dos Servizos Sociais.
Para formalizar a solicitude será necesario presentar:
- Impreso de solicitude dispoñible na sede electrónica.
- Fotocopia da tarxeta sanitaria do menor.
- Certificado de familia numerosa, se procede.
- Informe médico ou social no caso de menores con discapacidade ou en risco de exclusión social.
As 20 prazas dispoñibles asignaranse por estrita orde de inscrición, requiríndose un mínimo de 12 participantes para levar a cabo o campamento. Reservaranse dúas prazas para menores en situación de exclusión social, previa acreditación polos Servizos Sociais.
Detalles económicos e pagamentos
O custo por menor é de 50 euros, cun desconto do 20% para familias numerosas. O pagamento deberá realizarse a través da Oficina Virtual Tributaria, dispoñible na sede electrónica do Concello, seleccionando o apartado de "Prestación de servizos – Campamento urbano". Tras realizar o pagamento, será necesario enviar o xustificante por correo electrónico a marta.pineiro@betanzos.gal ou entregalo presencialmente nos Servizos Sociais antes do 19 de decembro.
En caso de baixa por motivos médicos acreditados antes do inicio da actividade, o Concello devolverá o importe abonado. Non se efectuará devolución se o menor abandona o campamento tras o seu inicio.
Normas e requisitos
As familias participantes deberán comprometerse a respectar as normas establecidas, que inclúen:
- Cumprir os horarios de entrada (8:00 ou 9:00) e saída (ata as 15:00).
- Entregar a documentación requirida no prazo establecido.
- Garantir que o menor é recollido por unha persoa autorizada.
- Manter unha actitude respectuosa co persoal e os demais participantes.
O incumprimento reiterado das normas poderá implicar a baixa do menor no campamento.
Publicación de admitidos e reunión informativa
A listaxe provisional de admitidos publicarase o 16 de decembro. Se non hai reclamacións nos dous días seguintes, esta será elevada a definitiva e poderá consultarse na páxina web municipal ou nos taboleiros de anuncios dos Servizos Sociais e o Edificio Liceo.
O xoves 19 de decembro, ás 19:00 horas, celebrarase unha reunión informativa para as familias na Aula de Usos Múltiples dos Servizos Sociais.