Betanzos abre hoxe a Semana do Pincho con 13 establecementos participantes

ACoruñaXa
A cita gastronómica celebrarase ata o 8 de decembro e inclúe dous premios: mellor pincho e premio popular
Semana do Pincho Betanzos
29 Nov 2024

Betanzos dá comezo hoxe, venres 29 de novembro, a unha nova edición da Semana do Pincho, que se prolongará ata o domingo 8 de decembro. Este evento gastronómico contará coa participación de 13 establecementos hostaleiros da cidade, cuxa oferta incluirá unha ampla variedade de propostas que van desde creacións con pato e cebola acaramelada ata vieiras á prancha, entre outros petiscos únicos.

A Semana do Pincho busca potenciar a gastronomía local, dinamizar a hostalería e impulsar outros sectores económicos de Betanzos. Os prezos dos pinchos oscilarán entre 2,5 e 5 euros.

Nesta edición entregaranse dous galardóns. O primeiro, ao mellor pincho, será elixido por un xurado que probará as diferentes creacións dos locais participantes e seleccionará os cinco mellores para a final do domingo 8 de decembro. O segundo, o premio popular, decidirase cos votos emitidos polos asistentes que degusten as propostas.

Os participantes na votación deberán cubrir un boleto selado en cinco dos 13 establecementos e entrarán no sorteo de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nalgún dos Restaurantes da Biosfera.

Os locais participantes son: Adega o Pino, La Travesía, Vinoteca Versalles, Bar O Kutako, Restaurante Casanova, Restaurante Cho, Adega Lastras, Queique Coffe, Café Lanzós, Treze, Café Bar Yocri, Bar Plaza e Ternera Grill.

 

0.16425609588623