Besteiro sostén a creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes que conecte A Coruña

ACoruñaXa
O candidado do PSdeG á Xunta estivo acompañado, no acto celebrado este martes 7 no Palexco, polo expresidente socialista Zapatero, a candidata pola Coruña, Patricia Iglesias, Valentín González Formoso e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey
Besteiro y Zapatero - Coruña Mitin 6 de febreiro
7 Feb 2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes, 6 de febreiro, nun mitin na Coruña no que asegurou estar certo de que nas próximas eleccións autonómicas do 18 de febreiro o seu partido será capaz de reeditar a etapa dos gobernos socialistas na Xunta e no Goberno central.

Ante máis dun milleiro de asistentes tamén se comprometeu a liberar de peaxe a Autoestrada do Atlántico (AP-9) cando sexa presidente. Unha infraestrutura pola que pasan a diario uns 25.000 vehículos e que supoñen un ingreso diario para a concesionaria de máis de medio millón de euros cada día. Besteiro quixo recordar que foron sempre os socialistas os que aplicaron as bonificacións nesta autoestrada ata conseguir o actual desconto do 75%. Unha “infraestrutura fundamental para Coruña e Galicia” pola que o PP  nunca fixo nada agás condenar aos galegos a pagar peaxes ata 2048 con prórrogas interminables.

No mitin, no que participaron tamén o expresidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero e a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e a cabeza de lista pola Coruña, Patricia Iglesias. O candidato socialista agradeceu especialmente a Zapatero o seu apoio e referiuse a el como "un home de Estado que antepón os intereses do seu país aos do seu partido" e enfrontouno aos “patriotas de peto que están tan de moda", en clara referencia ao PP e á ultradereita. "Xa era un home de Estado na oposición. Feijóo ten moito que aprender, que sempre que pode vai falar mal de España a Europa".

A muller protagonista do cambio para seguir avanzando

Neste sentido, apelou á facer memoria porque "Galicia é un matriarcado, de mulleres loitadoras, traballadoras, incansables" e destacou que "todos os avances en materia de igualdade e de dereitos e liberdades veñen sempre da man do Partido Socialista e coa oposición do PP que sempre vai con retraso". Aínda que matizou que en Galicia "con Feijóo e Rueda xa non é unha cuestión de chegar tarde, senón que queren camiñar cara atrás".

O candidato socialista á Xunta subliñou que "é moi importante que nos mobilicemos, pero é fundamental que as mulleres acudan a votar masivamente para seguir avanzando, para seguir sendo protagonistas, para acabar cun PP que cheira a antigo, que é retrógrado e que non nos permite seguir adiante. Porque o Partido Socialista é o partido das mulleres".

Unha Coruña conectada e unha política centrada nas persoas

Para Besteiro "é fundamental conectar Coruña con todos os concellos da área cun transporte metropolitano eficaz e eficiente e sostible, polo que apoiamos a alcaldesa, Inés Rey, na creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes que dará servizo a case 450 mil persoas" e criticou que "o goberno da Xunta non compareceu nos últimos 15 anos nun asunto que é da súa competencia e vital nesta comarca: a mobilidade".

Un asunto que, sostivo o candidato socialista, é xeralizado en Galicia onde o "transporte público é un auténtico fiasco" malia que ironizou "Rueda, agora afeccionouse moito aos autobuses". Valorou tamén que A Coruña "é a última cidade á que chega a intermodalidade pola desidia da Xunta" e "unha vez máis acudiu o goberno de Pedro Sánchez, ao rescate".

Por último, Besteiro apelou á mobilización dos coruñeses “unha cidade historicamente socialista que sempre foi fundamental para conseguir maiorías" e de toda a provincia para lograr o goberno da Xunta de Galicia. "Non teñades dúbidas de que se repetimos os resultados das eleccións xerais e municipais de 2023, haberá cambio liderado polo PSdeG-PSOE”. Para concluír que "coa forza dos nosos alcaldes e alcaldesas, coa forza das mulleres conseguiremos que o cambio en Galicia sexa seguro e unha realidade. Desta vai!"

Tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, pediu o voto das mulleres para o Partido Socialista: "Non quero rematar sen dirixirme ás galegas. Ás mulleres. Estas eleccións van E MOITO de nós. Porque o futuro de Galicia pasa polo impulso das cidades. Polo desenvolvemento TIC e a potenciación das renovables. Pola intelixencia artificial e o audiovisual. Polos principais sectores que están a traer, sen axuda da Xunta do PP, o progreso económico a Galicia. E que nesta provincia lideran as mulleres".

0.15885400772095