Besteiro reclama frear o avance da dereita e a ultradereita en defensa dos dereitos LGTBI

GaliciaXa | ACoruñaXa
O dirixente socialista participou na gala benéfica de Alas Coruña, na que se entregou o premio Marcela e Elisa ao avogado Mario Pozzo-Citro Comesaña polo seu labor a prol da igualdade e a diversidade
Gala Alas Coruña Besteiro PSOE
7 Nov 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, participou a tarde deste venres na gala solidaria organizada pola asociación Alas Coruña, na que se fixo entrega do premio Marcela e Elisa. Este galardón distingue cada ano a persoas que se destacaron polo seu compromiso coa diversidade e a igualdade, e nesta edición foi outorgado ao avogado Mario Pozzo-Citro Comesaña.

Durante a súa intervención, Besteiro quixo estar presente nunha cita que, segundo sinalou, ten especial relevancia tanto para a entidade organizadora coma para a cidade da Coruña, e aproveitou a ocasión para reafirmar o compromiso da súa formación cos dereitos do colectivo LGTBI. O dirixente socialista subliñou que os avances acadados en materia de liberdades para este colectivo foron sempre ligados á acción de gobernos socialistas, citando como exemplos a lei do matrimonio igualitario, a normativa sobre identidade de xénero e a coñecida como lei Zerolo, todas elas aprobadas baixo presidencias socialistas.

Neste sentido, o secretario xeral socialista fixo un chamamento a “levantar un muro” fronte ao que considera unha ameaza real para estas conquistas sociais: o entendemento entre a dereita e a ultradereita. Ao seu xuízo, esta alianza non só pon en risco os dereitos do colectivo LGTBI, senón que tamén está a cuestionar dereitos vinculados ás mulleres, como o acceso ao aborto ou as medidas contra a violencia de xénero.

Besteiro lembrou así mesmo que estes avances sociais contaron no seu momento coa oposición do Partido Popular, formación que, segundo denunciou, volve agora posicionarse en contra destes dereitos en sintonía coa ultradereita.

Ao acto acudiron tamén os deputados autonómicos Silvia Longueira e Aitor Bouza, así como varios candidatos socialistas ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro: Obdulia Taboadela, cabeza de lista polo Congreso; Julián Reina, número dous da candidatura, e Sindo Guinarte, primeiro candidato ao Senado.

0.15622210502625