Besteiro promete desbloquear a Dependencia e anuncia un plan de residencias para maiores
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse este xoves na Coruña a desbloquear os servizos de atención á Dependencia e a mudar os bonos electoralistas e insuficientes por dereitos recoñecidos. Así o confirmou nun encontro con máis de 80 colectivos sociais da cidade xunto coa alcaldesa Inés Rey, á que puxo como exemplo de xestión dos Servizos Sociais para toda Galicia.
Tamén aludiu ao bono coidado impulsado polo PP de Galicia, que o Colexio de Traballo Social de Galicia cualificou de “trampa” e “publicidade enganosa”, que non é unha nova prestación, senón unha actualización de contías obrigada por Lei, ou o bono residencia.
Neste sentido, Gómez Besteiro comprometeuse a incrementar os recursos para a atención á Dependencia para cumprir co prazo de 6 meses fixado por Lei que é sistematicamente incumprido polos gobernos do PP dende hai 15 anos. Lembrou que segundo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma que menos gasto asigna á Dependencia.
Apostou por aproveitar que Galicia está a recibir máis financiamento estatal que nunca, pero continúa á cola do Estado en investimento polo desleixo do PP, que quere boicotear un dereito fundamental para a vida das persoas.
O candidato socialista agradeceu o traballo das asociacións, que en moitas ocasións vense obrigadas a suplir a falla de recursos da Xunta en servizos que deberan estar incluídos dentro da carteira de servizos sanitarios. Subliñou que as entidades da Coruña non só atenden á cidade, senón que teñen que estender a súa tarefa aos veciños da área metropolitana, como exemplo de solidariedade ante a falla de equipamentos sociais.
Gómez Besteiro deulle un “suspenso clarísimo” á Xunta en materia de redución da pobreza e da exclusión social, logo de suprimir a Tarxeta Básica de axuda á adquisición de produtos básicos sen ofrecer alternativa. Comprometeuse a repoñer a Tarxeta Básica dentro dun Plan de actuación contras a pobreza e a exclusión social con orzamento, prazos e medidas concretas, incorporando axudas á vivenda para familias vulnerables.
Defendeu a reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia e as súas prestacións para adaptalas á nova situación xerada logo da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, como figura na Axenda Social Única consensuada coa Fegamp e o terceiro sector. O candidato socialista acusou á Xunta de incumprir o seu compromiso e defendeu unha nova redacción que simplifique a xestión das Axudas de inclusión e conecte o IMV coa Risga.
Residencias para maiores
Gómez Besteiro presentou o seu programa de Servizos Sociais, que inclúe un Plan de Residencias para maiores con prezos xustos e atención personalizada, que permitiría ademais crear riqueza e emprego nos concellos, e dotando á atención domiciliaria de máis recursos. Criticou que a Xunta respondera ás denuncias de filtracións das inspeccións ás residencias atacando aos inspectores, e comprometeuse a reforzar estes equipos.
Anunciou que con el como presidente, a Xunta asumirá a maior parte do custe do Servizo de Axuda no Fogar, unha competencia autonómica que o PP ten descargado nos concellos sen incluír o financiamento necesario. Tamén comprometeuse a elaborar un Plan de erradicación da pobreza infantil.
Os socialistas galegos destinarán un mínimo dun 1 por cento do Orzamento consolidado da Xunta ás políticas específicas de igualdade e contra a violencia contra a muller, creando ademais o Instituto Galego da muller. Este organismo, responsable da defensa da igualdade entre homes e mulleres, foi “fulminado” polo PP no ano 2010, e anunciou a posta en marcha nas catro provincias dos centros de crise 24 horas de atención integral ás vítimas de violencia sexual.
O candidato socialista á Xunta interveu diante das asociacións do tecido social e sociosanitario da Coruña, que traballan no eido da Dependencia, dos maiores, menores, saúde mental, condutas aditivas, persoas en risco de exclusión, acollemento, igualdade ou discapacidade. Salientou o esforzo modélico do Concello da Coruña na xestión dos servizos sociais, destinando 4,6 millóns de euros en convenios na área para axudar ata ao último veciño en situación de dificultade.