Besteiro pide na Coruña o voto ao PSOE "para dicirlle non á ultradereita" en Europa

ACoruñaXa
O líder dos socialistas galegos aféalle a Rueda e Feijóo que fixeran de “tradutores á súa maneira” na visita de Von der Leyen: “cando ela falaba de democracia e liberdade, eles omitían os seus pactos con Vox”
Imaxe do mitin do PSOE na Coruña
4 Xuño 2024

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu onte, luns 3 de xuño, o voto nas eleccións europeas para “dicirlle non á ultradereita” que “está a chamar ás portas de Galicia” da man do PP. O líder dos socialistas galegos interveu nun mitin na Coruña co candidato do PSdeG, Nicolás González Casares, o “mellor ministro de Exteriores”, José Manuel Albares, a alcaldesa Inés Rey e o secretario provincial, Bernardo Fernández.

Gómez Besteiro emprazou a acudir ás urnas o próximo domingo “cunha mensaxe de esperanza, de unidade e de tolerancia” para demostrar que en Galicia “defendemos a democracia, a igualdade e a xustiza” e “non hai lugar para a ultradereita”. Defendeu unha “Europa mellor” e unha Galicia con “peso” no Parlamento Europeo da man de González Casares, que fixo o seguimento das vacinas na pandemia e foi o ponente que garantiu a baixada do recibo da luz para toda España.

Defendeu o voto como un “acto de resistencia” nunhas eleccións que van ser “un referendo, si, pero sobre os valores que queremos para a nosa sociedade” e poñer freo ás “ideas do odio e a división”. Dixo que o próximo domingo compre escoller “máis Milei ou máis respecto, máis Netanyahu ou paz, máis Abascal ou solidariedade e máis Meloni ou igualdade”, en alusión aos acordos do PP cos representantes da extrema dereita.

Criticou que Feijóo e Rueda estean máis cerca dos representantes radicais de dereita que da propia Von der Leyen, que esta fin de semana “trouxérona de romaría a ver se os apoiaba en algo, pero tampouco”, logo de lembrar o “portazo” que lle dera ao presidente galego en Bruxelas. Ironizou co papel dos dous dirixentes do PP este sábado, como “tradutores á súa maneira” da candidata do PP á que lle deron unha versión “manipulada, made in PP”.

Advertiu que mentres ela falaba “de democracia e de liberdade”, o propio Feijóo “omitía os seus pactos con Vox e a ultradereita”, ao mesmo que cando a ata agora presidenta da Comisión Europea aludía ao respecto ao Estado de Dereito “en lugar de lembrar que levamos cinco anos sen renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, eles falaban de amnistía”.

"O Partido Socialista é o único que ten a forza suficiente en Europa para parar a dereita e a ultradereita. E, a diferenza dos nacionalismos, nós cremos en Europa”, asegurou. “E a diferenza da Europa da dereita, a dos recortes, a Europa dos socialistas non deixa a ninguén atrás”, recordou.

Unha estratexia da confrontación

O líder dos socialistas galegos lamentou que o presidente galego se teña revelado como fiel seguidor da estratexia da confrontación que actúe “como líder da oposición a Pedro Sánchez no canto de presidente de tódolos galegos e galegas”. Acusou ao presidente da Xunta de empregar aos galegos e galegas “como ferramenta na súa campaña permanente de confrontación”, e advertiu que “os socialistas somos diferentes, estamos para traballar polos galegos e non para confrontar”.

Lembrou así o pacto con cinco eixos que lle trasladou ao presidente da Xunta na última sesión de control do Parlamento. Emprazou a Rueda a “fuxir da posición frentista” e aceptar a “man tendida dos socialistas galegos para acelerar a transición enerxética, clarificar a xestión dos fondos, presentar unha posición común en política pesqueira, recoñecer o galego como lingua oficial e desmarcarse do acordo de Feijóo con Meloni.

Récord de emprego subindo o salario mínimo e as pensións

“Estas eleccións non son unhas eleccións calquera”, dixo José Manuel Albares. En Bruxelas decídese “o máis importante”, como foron a vacinación contra a covid-19 “que nos salvou a vida”, ou os fondos de recuperación “impulsados por Pedro Sánchez e eurodeputados como Nicolás González Casares”, que salvaron empresas e postos de traballo.

Fronte a iso, advertiu do perigo que supón unha extrema dereita en ascenso en toda Europa, “e o que é máis grave, cunha dereita que lle abre as portas”.

O ministro de Asuntos Exteriores invitou a comparar “que distinto foi como se enfrontou a crise financeira, cando a dereita gobernaba en España e en Europa, co sufrimento que custou”, co xeito de superar a crise da covid e a derivada da guerra de Ucraína, tratando de “non deixar a ninguén atrás”. “Por iso temos récord de emprego subindo o salario mínimo e as pensións”, explicou.

Referiuse tamén á política lingüística do Goberno, que se topa coa oposición do PP a estender o uso dos idiomas cooficiais. “Somos os socialistas os que estamos levando a lingua galega a Europa, e imos conseguir que se fale”, afirmou.

En canto ao recoñecemento do Estado palestino, Albares asegurou que o Goberno socialista adoitou a decisión “por pura dignidade”. “Grazas ao Goberno de España, moitos nos din que estamos salvando a dignidade de Europa”, abundou.

Unhas eleccións “cruciais”

Pola súa banda, González Casares cualificou de “cruciais” as eleccións do vindeiro domingo. Nelas, dixo, está en xogo a Europa social, a dos dereitos e liberdades e da paz, “esa Europa que os socialistas trouxemos a España”.

Asegurou que a democracia “non se pode dar por sentada; a ultradereita quere levarnos a unha Europa duns homes de negro que queren controlar non só a nosa economía, senón a quen amamos, os dereitos das mulleres e o que escribimos", e en España “xa o está facendo en algunhas comunidades”, lembrou. Os socialistas “somos a ferramenta que vai parar a esa ultradereita”, afirmou.

O candidato avisou: “Non é suficiente ser a voz de Galicia en Europa”. Por iso, comprometeuse a que os socialistas serán “a voz e a influencia de Galicia en Europa, porque iso só o pode facer o Partido Socialista”.

“Unha Europa integradora na que cabemos todos”

Inés Rey recordou que as políticas europeas “deciden a nosa vida”. Como exemplo puxo a súa propia cidade, a segunda de España que máis fondos europeos recibiu. “Grazas a eles, acometemos a maior transformación urbana da Coruña”, subliñou.

Lamentou a alcaldesa que fronte ao “gran traballo que fixeron os socialistas europeos”, Feijóo dedicouse “a ir a Europa a falar mal de España” en lugar de apoiar as políticas do Goberno. Fronte a esa política “do insulto permanente, de enlamar”, os socialistas traballan pola Europa do Estado do benestar, “a Europa integradora na que cabemos todos, forte e unida”.

0.096045017242432