Besteiro denuncia que Rueda devolve 22 millóns de euros e renuncia a 3.266 prazas públicas en escolas infantís

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe a decisión do Goberno de Alfonso Rueda de devolver máis de 22 millóns de euros procedentes de fondos europeos destinados á creación de prazas públicas de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Estes recursos, pertencentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tiñan como obxectivo prioritario ampliar a rede pública en zonas rurais e con risco de exclusión social.
“Esta é unha mostra máis da incapacidade do PP para xestionar os fondos europeos e da súa aposta por un modelo que beneficia intereses privados por enriba do público. Xa o fixeron en Andalucía; é o modus operandi da dereita de Feijóo, á que pouco ou nada lle gusta o público”, denunciou Besteiro nun acto en Bergondo.
A Xunta comprometeuse, na Conferencia Sectorial de Educación de 2021, a crear 3.471 prazas públicas coas axudas recibidas, por un total de 34,8 millóns de euros. Porén, en tres anos só foi quen de crear 205 prazas adicionais, unha cifra moi afastada dos obxectivos. A decisión de devolver os fondos evidencia, segundo Besteiro, unha estratexia consciente para fortalecer a rede de escolas privadas, á que destinará 45 millóns de euros no ano 2025.
Un modelo que perpetúa as desigualdades
O líder socialista destacou que das máis de 30.000 prazas dispoñibles en Galicia, máis dunha terceira parte pertencen á rede privada (13.552), outra terceira á pública autonómica (10.142) e o resto son de titularidade municipal. Besteiro considera que esta distribución é reflexo dun modelo que perpetúa as desigualdades, xa que as escolas privadas non teñen en conta a renda familiar como criterio de acceso.
“Mentres devolve os cartos, a Xunta discrimina os concellos cunha financiación insuficiente para as súas escolas infantís”, advertiu Besteiro. Segundo datos da Fegamp, o Goberno galego aporta só 93 euros mensuais por alumno/a nas escolas municipais, fronte aos 310 euros que reciben as privadas. “Esta política é unha proba máis de como o PP despreza o público e favorece sistematicamente intereses privados”, afirmou.
O líder do PSdeG lembrou o caso de Andalucía, onde tamén se devolveron fondos europeos para prazas públicas, recursos que foron redistribuídos a outras comunidades que si apostaron polo sistema público. “Galicia perde máis de 22 millóns de euros que poderían transformar a vida das familias galegas, especialmente nas zonas rurais e máis desfavorecidas. Mentres outras comunidades avanzan, aquí retrocedemos”, asegurou.
Besteiro concluíu facendo un chamamento á cidadanía para defender o modelo educativo público. “Non podemos permitir que o PP continúe desmantelando os servizos públicos, xa sexa en educación ou en sanidade. Galicia merece un goberno que poña ás persoas no centro das súas políticas”, sentenciou.