Besteiro chama no Galicia Fórum Gastronómico a aproveitar o potencial da gastronomía galega
O voceiro do grupo do PSdeG no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, visitou onte o Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra en ExpoCoruña, onde chamou a aproveitar o potencial da gastronomía galega como expoñente destacado dunha cadea de valor máis ampla, da que forman parte, lembrou, sectores como a agricultura, a gandería, a pesca, a industria alimentaria, o comercio de alimentos ou os servizos de restauración.
O portavoz parlamentario do PSdeG destacou que a feira de referencia para o norte de España ten consolidada a súa sede en Galicia, algo que é “unha mostra do potencial extraordinario da gastronomía galega”. “Un potencial que dende as institucións hai que contribuír a desenvolver”, asegurou.
Nese sentido, expresou a necesidade de adoitar dende Galicia “medidas de impulso na liña do que recolle o Plan Turístico Nacional de Enogastronomía, para potenciar os destinos gastronómicos, xerar experiencias sostibles, mellorar a formación dos profesionais e aproveitar a gastronomía para promocionar o territorio”.
Sobre a antedita cadea de valor, recordou que “todo ese conxunto representa un terzo do noso PIB, así que merece especial atención”. Como exemplo de iniciativas, mencionou o Perte do sector agroalimentario, no que participan cerca de 40 empresas galegas. “Galicia é a terceira comunidade por volume de subvencións recibidas, que ascenden a 14 millóns de euros”, detallou.
Finalmente, invitou a escoitar aos produtores, “como acaba de facer o Goberno con propostas dirixidas a simplificar a PAC, mellorar a comercialización dos produtos, mellorar os seguros, adoptar medidas fiscais ou facilitar o relevo xeracional nas explotacións”, entre outros aspectos.
Besteiro percorreu o recinto acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; membros do grupo socialista na Cámara galega, como Lara Méndez, Julio Abalde e Silvia Longueira; as deputadas provinciais Yoya Neira e Cristina Capelán, e a concelleira coruñesa Diana Sobral.