Bernardo Fernández: "Asumimos o resultado electoral a diferencia doutros partidos cando perden"

ACoruñaXa
O secretario xeral provincial do PSdeG sostén no comité provincial que: "O partido está unido arredor de José Ramón Gómez Besteiro, cun proxecto e un único obxectivo, mellorar a vida da xente como facemos nos concellos nos que gobernamos”
Imaxe do comité provincial do PSdG na Coruña
16 Mar 2024

O PSdeG da provincia da Coruña celebrou este venres na cidade un comité provincial do partido. No evento, Bernardo Fernández, secretario xeral provincial do PSdeG na Coruña, amosou a súa seguridade “en que da man de José Ramón Gómez Besteiro, o partido obterá en toda Galicia a confianza dos cidadáns que xa temos os socialistas en numerosos concellos”.

“Somos un partido de vocación municipalista e nos concellos demostramos que somos a mellor opción para mellorar a vida da xente”, afirmou Fernández na súa intervención no comité provincial desta tarde na Coruña. “Estou convencido de que nos próximos catro anos obteremos tamén a confianza dos galegos e galegas da man de Besteiro”, engadiu.

“O partido está unido arredor de Besteiro, que xa demostrou a súa capacidade de xestión e ten catro anos para explicar o seu proxecto”, apuntou o secretario xeral provincial, convencido de que “o cambio que necesita Galicia só pode chegar se o lidera o PSdeG”.

“Asumimos o resultado electoral e respectamos a decisión dos galegos e galegas, a diferencia do que fan outros partidos cando perden, e nos próximos catro anos traballaremos sen descanso para explicarlle á cidadanía o proxecto que temos”, afirmou.

“O primeiro que fixemos é abrir un proceso de primarias aberto a toda a militancia para elixir ao noso secretario xeral, que liderará unha etapa que estou convencido de que será moi positiva para o socialismo galego”, rematou.

 

0.19162607192993