Bergondo tratará no Pleno a posta en marcha da cuarta fase do Plan de Saneamento
O goberno local de Bergondo informa de que levará ao próximo pleno da corporación, que se celebrará o vindeiro xoves 4 de abril, a cuarta fase do Plan de Saneamento Municipal. Nesta ocasión conta con tres proxectos que, no seu conxunto, teñen un orzamento de 372.150 euros.
Neste sentido, o primeiro dos proxectos afecta á aldea de Covas. Está orzado en 127.829 euros e dotará a este núcleo dunha infraestrutura básica da que carece hoxe en día nalgúns puntos. Ademais, renovarase o tramo da rede existente na devandita localización. Tamén se realizarán traballos na rede de recollida de augas pluviais co obxectivo de poñer fin ás inundacións que se están producindo na zona baixa de Miodelo, na estrada AC-161.
A zona de Tatín anexa á AC-162 será onde se acometa o segundo dos proxectos. Contémplase unha nova rede de saneamento, canalización para a iluminación pública e renovar a rede de abastecemento. Esta obra ten un custo de case 94.000 euros. Esta é a continuación de fases anteriores do Plan de Saneamento.
Por último, na zona de Outeiro-Ouces executarase unha nova rede de saneamento e pluviais que se conectarán ás redes municipais existentes. Debido á orografía do terreo, será necesario executar estas redes por parcelas privadas para lograr por gravidade un punto de conexión coas redes existentes. Para isto será necesario facer expropiacións. Este terceiro proxecto supón o investimento máis cuantioso deste lote, con máis e 150.000 euros.
O punto de partida para o desenvolvemento destes proxectos comeza coa aprobación da cuarta fase deste plan. O proxecto de Tatín será o primeiro en arrancar, xa que non require expropiacións e está adxudicado, polo que as obras empezarán a curto prazo. Pola súa banda, nos outros dous casos, nos que se requiren expropiacións, a licitación ainda está pendente, o que implica que os traballos comezarán a medio prazo.
Desde o goberno local sinalan que “este tipo de infraestruturas son moi importantes para os veciños e veciñas de Bergondo” e afirman que “seguimos traballando noutros novos proxectos de saneamento en diferentes parroquias do concello para continuar mellorando a súa calidade de vida”.