Bergondo suspende a manifestación contra a supresión do baipás de Infesta polo temporal

O Concello de Bergondo anunciou na tarde deste venres a cancelación da manifestación prevista para este sábado 24 de xaneiro ás 12.00 horas en protesta contra o proxecto de supresión do baipás de Infesta. A decisión, segundo trasladou o goberno local, responde ás condicións meteorolóxicas adversas previstas para as vindeiras horas.
A mobilización ía celebrarse na estrada provincial DP-0105, nas inmediacións do Hotel Luso, baixo o lema ‘Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila’. O Concello pediu desculpas polas molestias e indicou que a convocatoria queda sen efecto por motivos de seguridade.
O baipás de Infesta forma parte do proxecto impulsado polo Ministerio de Transportes para o ramal de conexión ferroviaria entre liñas, unha actuación que no municipio e na parroquia de Cortiñán consideran lesiva polo seu impacto no territorio.