Bergondo reparte o seu calendario de 2026 cunha mensaxe de igualdade e dereitos a través dos ‘Bancos para a xustiza social’

ACoruñaXa
O almanaque, distribuído casa por casa, pon o foco no proxecto municipal iniciado en 2023 co apoio dos fondos do Pacto de Estado e creado de maneira colaborativa xunto coa artista Iria Fafín
BERGONDO calendario
30 Dec 2025

O Concello de Bergondo iniciou o reparto, porta a porta, do calendario municipal de 2026 cun fío condutor claro: reivindicar unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria. Baixo o título ‘Contando historias a través do mobiliario urbano’, o almanaque deste ano visibiliza o proxecto de sensibilización cidadá ‘Bancos para a xustiza social’, unha iniciativa que converte bancos do municipio en soportes de mensaxes e reflexións arredor dos dereitos e da convivencia.

O programa botou a andar en 2023 grazas aos fondos do Pacto de Estado. Tras unha primeira experiencia piloto, na que se creou de forma participativa un banco pola igualdade, o Concello ampliou a intervención a nove pezas máis, nun traballo desenvolvido en colaboración coa artista local Iria Fafín. O deseño das propostas naceu de obradoiros abertos, nos que participaron entidades que traballan de maneira directa cos colectivos aos que se dirixen as mensaxes.

O calendario de 2026 recolle ese percorrido e dedica cada mes a un destes bancos temáticos: o da igualdade, o da lectura, o do medio ambiente, o da diversidade sexual, o da diversidade cultural, o da xuventude, o da saúde mental, o das persoas maiores, o da infancia e o da diversidade funcional. Ademais, nos meses de xaneiro e febreiro o Concello destaca a presentación do proxecto e o proceso de traballo nos obradoiros comunitarios, como parte da historia que deu forma á iniciativa.

Desde o consistorio lembran tamén que quen desexe dispoñer doutro exemplar para entregar a familiares ou amizades pode solicitalo na casa consistorial.

⚙ Configurar cookies
0.099550008773804