Bergondo pon freo ao proxecto do baipás de Infesta: “Non podemos ser sempre os que paguen”
O Concello de Bergondo expresou un rexeitamento firme ao proxecto do Goberno central para suprimir o baipás ferroviario de Infesta, situado no municipio de Betanzos. A postura oficial aprobouse onte, xoves 27 de novembro, no pleno municipal, onde todos os grupos políticos da corporación asinaron unha declaración institucional que evidencia os numerosos problemas que suporía a proposta actual.
A corporación local recoñece a importancia de mellorar o transporte ferroviario entre Ferrol e A Coruña, pero alerta de que estas obras non poden facerse a costa de agravar os problemas en Bergondo. Na declaración institucional destacan que o municipio xa sofre afeccións pola vía férrea ao seu paso por Guísamo e Cortiñán, e que o novo proxecto, coa duplicación de vías, só intensificaría o impacto, xerando máis ruído, vibracións e problemas urbanísticos.
"Non podemos ser sempre os mesmos os que paguen os custos destas melloras", subliña o documento, que tamén critica que o proxecto non atenda reclamacións históricas do Concello, como a reapertura do apeadoiro de Guísamo, a mellora no túnel da DP-0105 ou unha solución para facilitar a mobilidade cara ao polígono de Piadela, que segue a presentar dificultades de acceso.
Ademais, o Concello sinala que Bergondo non recibe ningunha compensación ou beneficio polas obras, a pesar das afeccións que o ferrocarril xa xera no municipio. Por este motivo, o pleno acordou trasladar ao Ministerio de Transportes a necesidade de redeseñar o proxecto.
“A mellora do transporte é fundamental, pero debe facerse con equidade e tendo en conta aos afectados”, destacou o alcalde ao remate da sesión.
Outros asuntos tratados no pleno
Durante a sesión plenaria, aprobáronse os orzamentos municipais para 2025, que ascenden a 9.413.752,33 euros, cun incremento do 13% respecto ao exercicio anterior. Segundo o grupo de goberno (PSOE e AV/AV), este incremento permitirá avanzar en proxectos clave para o municipio.
Tamén se leu unha declaración institucional en apoio ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, reafirmando o compromiso do Concello coa igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista.
Por último, aprobouse por unanimidade a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e, cunha maioría de votos, actualizouse a ordenanza do subministro de auga potable conforme ao IPC.