Bergondo organiza nove cursos de inserción laboral

ACoruñaXa
A inscrición ábrese o luns 26 de febreiro e terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Entre os cursos ofertados atópanse o de monitor de tempo libre e de manipulador de alimentos
Cartel dos Cursos Formativos de Bergondo
20 Feb 2024

O Concello de Bergondo quere lanza unha variada oferta de cursos gratuítos que levarán a cabo durante todo o ano coa fin de axudar a mellorar a inserción laboral dos seus veciños.

O obxectivo principal da iniciativa é dar continuidade ao traballo iniciado en anos pasados, reiterando aquelas actuacións formativas que tiveron éxito e propoñendo novidades que veñen satisfacer peticións formuladas ao longo destes meses.

Neste sentido preséntanse un total de 9 cursos dalgunha das actividades máis demandadas, entre as que se atopan: manipulador/a de alimentos, monitor/a de tempo libre, xestión de almacén, atención no domicilio a persoas maiores ou dependentes, manexo de carretilla elevadora, manexo de dumper, formación específica sobre o voluntariado social, manexo de desfibrilador externo semiautomático (DESA), e aplicador/a de produtos fitosanitarios.

A inscrición abre o luns 26 de febreiro e pódese facer por teléfono no 981 791 252 Ext.4 ou de forma telemática a través do seguinte formulario. Lémbrase que a programación pode sufrir variacións ao longo do ano debido a novas suxestións por parte dos usuarios ou a que non se alcanza o número mínimo de rexistrados.

Terán preferencia á hora de inscribirse aquelas persoas empadroadas no Concello de Bergondo e dentro delas, primeiro aquelas en procura de emprego e despois os/as que estean a traballar ou noutras situacións. A continuación terán prioridade as persoas desempregadas que non estean empadroadas en Bergondo e, finalmente, as persoas en activo ou outras situacións procedentes doutros municipios. Dentro de cada un destes grupos seguirase a orde cronolóxica de inscrición.

0.12888789176941