Bergondo mellora o entorno do teixo centenario do Pazo de Baldomir

ACoruñaXa
As melloras inclúen a creación dunha senda de acceso e un peche perimetral para protexer o exemplar centenario
Imaxe do teixo centenario en Guísamo
20 sep 2024

O Concello de Bergondo realizou traballos de mellora no espazo que rodea o teixo centenario situado no Pazo de Baldomir, na parroquia de Santa María de Guísamo. As actuacións incluíron a limpeza do terreo, a creación dunha senda de acceso e a instalación dun peche de madeira arredor do tronco do teixo, a dous metros de distancia, co obxectivo de protexelo.

A limpeza abarcou aproximadamente 1.800 metros cadrados, desde a fachada sur do pazo ata o muro de perpiaño que delimita o vial. Ademais, para mellorar o acceso, realizouse unha escavación de dous metros de ancho que conecta a entrada principal da urbanización Baldomir co camiño cara ao teixo, cuberta cunha capa de 20 centímetros de xabre.

Estas melloras, que contaron cun orzamento próximo aos 8.000 euros, teñen como finalidade destacar o valor patrimonial deste exemplar centenario, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A Xunta de Galicia colaborou no financiamento, aportando a metade dos fondos a través dunha liña de subvencións específicas.

0.15122199058533