Bergondo limita as lumeiradas de San Xoán nas praias de Gandarío e O Pedrido

ACoruñaXa
O Concello fixa autorización previa, horario ata as 04.00 horas e restricións de seguridade para celebrar lumeiradas, barbacoas e sardiñadas
BERGONDO san xoan 2026
14 Jun 2026

O Concello de Bergondo vén de regular as celebracións de San Xoán 2026 mediante un bando no que establece as condicións para realizar lumeiradas, sardiñadas e barbacoas, tanto nas praias como en espazos privados.

O horario autorizado será desde as 20.00 horas do luns 23 de xuño ata as 04.00 horas do martes 24. Na praia de Gandarío permitirase un máximo de 50 lumeiradas e na do Pedrido un máximo de 10, con prioridade para as persoas empadroadas no municipio.

As solicitudes deberán presentarse antes das 15.00 horas do 22 de xuño. No caso das praias será necesaria autorización previa, mentres que nos espazos privados será suficiente con comunicar a celebración ao Concello, indicando os datos da persoa responsable e o número de asistentes.

O bando establece tamén varias condicións de seguridade. As fogueiras non poderán superar os tres metros de altura, deberán situarse a máis de 15 metros de vivendas, vehículos ou outros elementos sensibles e non se poderán empregar materiais perigosos nin acelerantes.

Ademais, queda prohibido facer lume nas praias da Cabana e do Regueiro, así como utilizar equipos de son de gran potencia ou instalar tendas de campaña e toldos. Para reforzar a seguridade, a estrada desde a rotonda ata o final da praia de Gandarío permanecerá pechada ao tráfico entre as 22.00 e as 04.00 horas.

A Policía Local e Protección Civil supervisarán o cumprimento da normativa durante a noite de San Xoán. O Concello pide colaboración cidadá para garantir unha celebración segura, ordenada e respectuosa co entorno.

0.1262309551239