Bergondo licita a renovación da rede de abastecemento en Parroquia de Guísamo e Lubre por case 150.000 euros

ACoruñaXa
A nova obra mellorará os servizos no polígono industrial e reducirá os custos de mantemento da infraestrutura
Imaxe da rúa parroquia de Lubre en Bergondo
31 Xul 2024

O Concello de Bergondo publicou a licitación para a renovación da rede de abastecemento nas rúas Parroquia de Guísamo e Lubre, situadas no polígono industrial do municipio. Esta obra, que conta cun orzamento de 146.967,27 euros, é parte dun plan máis amplo de saneamento e abastecemento municipal.

O proxecto inclúe a substitución das antigas tuberías de fibrocemento de 150 milímetros por novas de fundición dúctil. As novas tuberías estarán revestidas interiormente con cemento de alto forno e exteriormente con aleación de cinc-aluminio, o que permitirá unha maior durabilidade e resistencia.

As novas infraestruturas contribuirán a mellorar os servizos para as decenas de empresas que operan no polígono industrial, que se beneficiarán dunha rede de abastecemento máis fiable e capaz de soportar mellor os picos de demanda. A renovación tamén permitirá un aforro significativo nos custos de mantemento, xa que as novas tuberías requirirán menos gastos para asegurar o seu funcionamento correcto.

O goberno local de Bergondo destaca que esta actuación non só mellorará as infraestruturas básicas do municipio, senón que tamén apoia ás empresas situadas nas rúas obxecto da obra, facilitando o desenvolvemento das súas actividades.

Dentro do plan de mellora da rede de abastecemento, xa se instalaron válvulas reductoras de presión e, en 2022, o Concello investiu 100.000 euros na renovación da rede na rúa Parroquia de Vixoi e outros 217.000 euros na rúa Parroquia de Ouces. Estas iniciativas forman parte do compromiso do Concello para resolver as deficiencias provocadas pola antigüidade da rede existente.

 

 

0.19141221046448