Bergondo leva ao pleno o Plan de Actuación Municipal 2026 con seis obras por 711.000 euros

Bergondo levará ao pleno deste xoves, 29 de xaneiro, a aprobación inicial do Plan de Actuación Municipal 2026, un documento co que o goberno local fixa actuacións prioritarias para mellorar infraestruturas, seguridade viaria, accesibilidade, xestión de augas e saneamento en distintos puntos do municipio. O conxunto do plan suma un investimento de 711.041,61 euros.
A actuación de maior dotación económica céntrase no vial Gandarío-Cangas-Casal de Ouces, cun orzamento de 512.290,79 euros. O proxecto propón unha solución mixta para incrementar a seguridade: nas zonas urbanas prevese crear espazos de tránsito seguro con sinalización restritiva, limitación da velocidade a 30 km/h e a colocación de elementos redutores; nos tramos interurbanos proxéctase unha senda peonil.
Para executar a obra será necesaria a expropiación de franxas de terreo en varias parcelas lindeiras. Ademais, no núcleo de Cangas contempla a expropiación de dúas parcelas ocupadas por unha nave industrial en desuso. A súa demolición permitiría liberar espazo cun posible uso futuro como área de descanso ou esparexemento.
O plan incorpora tamén catro intervencións cualificadas como urxentes en pasos de regos e obras de drenaxe afectadas por episodios de choivas intensas e inundacións. Unha delas é a do paso do Rego Maior, en Cambade, no límite con Sada, onde o colapso da estrutura existente obrigou a cortar o vial. A proposta inclúe ampliar o cauce e construír un novo paso con maior capacidade hidráulica.
Actuacións semellantes están previstas no paso do Rego do Cabanés, en Fiobre, e no paso do Rego de Callou, no límite con Betanzos, onde as avenidas de auga superaron a capacidade das infraestruturas actuais e afectaron ao firme e á seguridade do tráfico. En ambos casos proxéctase substituír as obras de paso, repoñer pavimento e mellorar as condicións de seguridade. A cuarta intervención urxente sitúase no Camiño dos Balseiros, en Loureda, para reparar unha drenaxe transversal insuficiente que derivou nun derrube parcial do firme. Entre as catro actuacións, a inversión supera os 170.000 euros.
O Plan de Actuación Municipal 2026 complétase coa execución dunha nova rede de saneamento no núcleo de O Vilar, cun custo de pouco máis de 28.000 euros, que quedará conectada ás redes municipais actuais e preparada para futuras acometidas das vivendas da contorna. Desde o Concello subliñan que se trata de actuacións ligadas a servizos de prestación obrigatoria e que resultan prioritarias para recuperar a circulación en vías cortadas e reforzar a seguridade viaria e peonil.