Bergondo inaugurou a nova área deportiva e de ocio na Senra, cofinanciada pola Deputación
A veciñanza de Bergondo pode desfrutar xa da nova área deportiva da Senra. As instalacións, inauguradas de xeito oficial esta mesma tarde, pasan a ser unha referencia no municipio bergondés, toda vez que contaron cun investimento total de 737.000 para a súa execución. A achega provincial a ese orzamento foi do 45 %, pois a Deputación da Coruña financiou 333.436 euros a través do Plan Único. O Concello de Bergondo aportou a cantidade de 403.504 euros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acudiu ao acto de inauguración do complexo o pasado sábado, con instalacións para a práctica deportiva a o ocio nun mesmo espazo.
A estrea deste espazo coincidiu co centenario do edificio da Senra, polo que Formoso e a alcaldesa, Alejandra Pérez, descubriron sendas placas. No auditorio celebrouse un acto conmemorativo que contou coa participación vía streaming con bergondeses e bergondesas residentes en Nova York.
O presidente provincial mostrou a súa satisfacción por que a Deputación contribúa novamente co seu “gran de area” á mellora dun lugar de gran relevancia histórica e tamén punto de encontro da veciñanza. “Galicia está chea de edificios como A Senra”, sinalou en referencia ás construcións para a educación e a cultura promovidas nos séculos XIX e XX pola emigración.
Formoso lembrou que moitas daquelas persoas que tiveron que marchar de Galicia naquela época cruzaron o Atlántico “co anhelo de mellorar”, mais nesa nova vida que iniciaron “non esqueceron nunca as súas raíces”, porque se trataba de xente “necesitada de achegar progreso á terra que deixaron atrás, e o seu esforzo está presente practicamente en todas as vilas de Galicia”.
A Guerra Civil significou a perda temporal da Senra para as bergondesas e os bergondeses, lembrou Formoso, pero “despois, coa democracia, chegou a reconstrución, que simboliza o mellor do país, a reconciliación”, afirmou.
Accesos, aparcadoiro, pistas deportivas, parque infantil e auditorio
A área deportiva e de ocio está situada na cotorna do CPI Cruz do Sar, nunha explanada de 6.871 metros cadrados. En 2.000 metros actuouse co fin de mellorar o acceso ao colexio e a dotación de prazas de aparcadoiro. Ademais, renovouse o pavimento colocando un firme mixto, con formigón desactivado nas vías, céspede armado nas prazas de estacionamento e lousas de granito nos pasos habilitados para peóns.
Mentres, nos 4.781 metros cadrados restantes realizouse unha integración entre os elementos deportivos, culturais e de recreo. Por unha banda, creouse unha pista de atletismo de 160 metros de lonxitude e cinco rúas, cunha bancada anexa con capacidade para 490 persoas. Por outra, construíuse unha pista polideportiva de céspede artificial, que vai acompañada cunha área de calistenia con elementos para a práctica deportiva.
O espazo complétase cun auditorio con aforo para 300 persoas, un parque infantil cun pequeno espazo con teito, un percorrido de equilibrio para a cativada, mesas de picnic cubertas e un aparcamento para bicicletas.
Ademais, todo o conxunto da área deportiva e de ocio de A Senra está dotado de iluminación, recollida de pluviais e subministro de auga para as fontes habilitadas e o sistema de rego.