Bergondo executa 11 obras por máis de 2,2 millóns de euros para mellorar infraestruturas e servizos en todo o municipio

O Concello de Bergondo mantén en marcha un total de 11 actuacións de infraestrutura que suman un investimento de 2.210.300 euros, dentro da súa estratexia para modernizar os espazos públicos, reforzar os servizos municipais e mellorar a calidade de vida da veciñanza en todas as parroquias.
O goberno local destaca que este esforzo investidor responde á vontade de avanzar na renovación do municipio mediante actuacións orientadas a incrementar a seguridade viaria, modernizar equipamentos públicos e dotar de novos servizos aos distintos núcleos de poboación.
Entre os proxectos de maior contía figura a construción das novas beirarrúas da Lagoa, cun orzamento de 512.849 euros, unha actuación destinada a reforzar a seguridade peonil na zona.
Outro dos investimentos máis destacados é a renovación da travesía de San Cidre, cun importe de 317.594 euros. Esta intervención busca mellorar a mobilidade dos peóns e transformar a contorna do Mosteiro de San Salvador e do cemiterio parroquial nun espazo máis accesible e funcional.
O plan de investimentos tamén contempla actuacións de mellora en varios centros sociais do municipio. Así, destínanse 275.106 euros ao centro social de Mariñán, 161.957 euros ao de Santa Marta, aos que se engaden outros 25.869 euros para renovar a cuberta deste edificio, e 130.706 euros ao centro social de Cangas.
No ámbito dos equipamentos municipais, tamén está en marcha a reforma do edificio de Servizos Sociais, cun investimento de 225.348 euros, así como a mellora do parque e da praza de Santa Marta, valorada en 122.462 euros.
En materia de infraestruturas viarias, o Concello continúa desenvolvendo un plan de renovación de camiños en todas as parroquias, dotado con 220.948 euros. A esta actuación súmase a mellora da pista de Ouces, cun investimento de 67.065 euros.
Pola súa banda, a ampliación da rede de saneamento continúa avanzando no lugar de Outeiro, onde se está a executar unha actuación cun orzamento de 150.389 euros.
Desde o goberno local subliñan que o volume de investimento actualmente en execución reflicte a aposta por un desenvolvemento equilibrado do municipio. Neste sentido, destacan que “a nosa prioridade é que Bergondo medre de forma ordenada e sostible. Ter nestes momentos máis de 2,2 millóns de euros mobilizados en 11 obras simultáneas demostra o compromiso deste goberno por ofrecer as mellores infraestruturas e servizos aos nosos veciños e veciñas, vivan na parroquia que vivan”.
O executivo municipal tamén avanza que este ritmo de actuacións continuará nos vindeiros meses, xa que algunhas das obras actualmente en execución están próximas á súa finalización e existen novos proxectos que xa se atopan en fase de licitación.