Bergondo destina 66.500 euros a reparar dous afundimentos na rede viaria municipal

O Concello de Bergondo vén de sacar a licitación un proxecto para corrixir os afundimentos detectados en dous puntos da rede viaria municipal, concretamente na estrada que comunica Cangas coa glorieta de Gandarío e no lugar de Curros, na parroquia de Cortiñán. A intervención conta cun orzamento de 66.528,04 euros, que se financiará con cargo ao remanente de tesourería municipal.
A actuación de maior alcance desenvolverase en Cangas, onde o deterioro do firme está relacionado co paso dunha escorrentía superficial que desemboca no Rego de Gandarío e atravesa por debaixo da estrada. Para evitar que o problema continúe afectando á estrutura da vía, o proxecto prevé construír unha nova canalización que permita conducir correctamente estas augas.
En concreto, instalarase unha tubaxe de formigón de 800 milímetros de diámetro ao longo de 64 metros. A intervención incluirá tamén a construción dos correspondentes emboquilles, arquetas e pozos de rexistro necesarios para conectar a nova infraestrutura coa rede de pluviais.
Renovación de servizos
As obras aproveitaranse igualmente para acondicionar e repoñer os servizos que poidan verse afectados pola intervención. Así, está prevista a renovación da rede de saneamento, coa modificación do trazado nun tramo de 56 metros mediante a colocación de novas conducións e pozos. Tamén se restituirán as catro acometidas existentes.
Ademais, o Concello contempla actualizar a rede de abastecemento de auga na zona onde se executarán os traballos. Unha vez completadas estas actuacións sobre as diferentes infraestruturas soterradas, procederase á reparación integral do pavimento danado para recuperar as condicións de circulación na estrada.
Actuación en Cortiñán
O proxecto municipal inclúe tamén unha segunda intervención no lugar de Curros, pertencente á parroquia de Cortiñán. Neste punto detectouse outro afundimento no firme dunha estrada, polo que se levará a cabo unha reparación para corrixir os danos e restablecer o estado da vía.
Deste xeito, o investimento permitirá actuar sobre dúas incidencias da rede viaria local, cunha intervención que en Cangas irá máis alá da reposición superficial do pavimento ao incorporar tamén melloras nas infraestruturas de drenaxe, saneamento e abastecemento.