Bergondo dedicará 2026 a Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín no centenario do seu pasamento

ACoruñaXa
O Concello dará continuidade á súa liña de recoñecemento a figuras vencelladas ao municipio cun ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’
BERGONDO ano filomena
29 Dec 2025

O Concello de Bergondo declarou 2026 como ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’, unha iniciativa coa que pretende poñer en valor a obra e o legado de dúas referencias da literatura galega e española estreitamente ligadas ás Mariñas. A decisión enmárcase no proxecto municipal de homenaxear autores e autoras relacionados coa localidade, despois do ‘Ano Xoán Vicente Viqueira’ en 2024 e do ‘Ano Florencio Vaamonde Lores’ en 2025.

A programación prevista busca divulgar o traballo de ambas figuras ao longo de todo o ano mediante actos e actividades, acompañada dun imagotipo compartido deseñado expresamente para a ocasión. O Concello explica que a proposta gráfica toma como base un exlibris (o selo tradicional de propiedade nos libros) para evocar o universo literario e a idea de autoría. O marco, concibido como unha ventá, remite á icona presente en ‘La Casa de la Troya’ e, ao mesmo tempo, ao papel pioneiro de Filomena Dato abrindo camiño no pensamento feminista galego.

Filomena Dato Muruais (1856-1926), nacida en Ourense, pasou os seus últimos anos en Moruxo, onde quedou vinculada á memoria local. Considerada ‘a poetisa das Mariñas’, foi a primeira muller que publicou un libro integramente en galego despois de Rosalía de Castro, co volume ‘Follatos’. A súa traxectoria destacou tamén polo compromiso coa defensa das mulleres e pola participación no ambiente cultural do Rexurdimento. Entre os seus textos máis coñecidos figura ‘En defensa das mulleres’, premiado nun certame literario en 1887 e incorporado posteriormente á súa obra.

Pola súa banda, Alejandro Pérez Lugín (1870-1926) foi xornalista, novelista e cronista, e mantivo unha forte relación co municipio a través da súa obra. A súa novela máis popular, ‘La Casa de la Troya’, incorpora localizacións e referencias vencelladas a Moruxo e Gandarío, consolidando esa ponte literaria co territorio. Ademais, foi o propio Lugín quen popularizou o alcume de Filomena Dato como ‘a poetisa das Mariñas’.

O Concello lembra tamén que Bergondo mantén vivo o recordo da autora co Premio de Poesía Filomena Dato, un certame que promove a creación poética en galego e que conta cunha dotación de 2.500 euros e a publicación do poemario gañador.

⚙ Configurar cookies
0.077520132064819