Bergondo aplaza polo mal tempo a celebración deste sábado do II Día do Deporte

ACoruñaXa
O evento queda cancelado debido ás condicións meteorolóxicas previstas para este sábado, 6 de abril, con alerta amarela por vento e costeiros e o 100% de probabilidade de choiva durante toda a xornada
Imaxe recurso deportes
Imaxe recurso deportes
4 abr 2024

O Concello de Bergondo informa do aplazamento da celebración da segunda edición do 'Día do deporte en Bergondo', debido ás condicións meteorolóxicas previstas para este sábado, 6 de abril, con alerta amarela por vento e costeiros e o 100% de probabilidade de choiva durante toda a xornada, e seguindo as recomendacións do Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia.

Dende o goberno municipal apuntan que nos vindeiros días dárase a coñecer a nova data de celebración desta xornada na que veciños e veciñas poderán probar case unha vintena de disciplinas e asistir a diferentes exhibicións.

Sobre o Día do deporte en Bergondo

A iniciativa, que xa foi un éxito o ano pasado, se desenvolverá no Albergue de Gandarío de Bergondo. Ás 12.00 horas abriranse as portas, con demostracións de disciplinas como o kajukenbo (arte marcial), ximnasia rítmica, ciclismo, atletismo, baloncesto e salvamento acuático, que se celebrarán durante toda a xornada

Todos e todas aqueles que se animen a participar, ademais de asistir ás exhibicións, poderán probar ata 13 disciplinas deportivas: escalada, tiro con arco, triciclos, parkour e skate, voley, tenis, bádminton, florball, kin-ball, goal-ball, minigolf, kaiak e diferentes xogos populares. Ademais, tamén se poderá levar a bici.

Durante o evento repartiranse, totalmente gratis, callos, pizza e froita para todos e todas as participantes. Tamén se poderá levar comida ás zonas habilitadas do albergue de Gandarío.

O prazo de inscripción para participar pechou o luns 1 de abril ás 14.00 horas. Con todo, existe a posibilidade de inscribirse o mesmo día da actividade no espazo situado a tal fin, cubrindo a solicitude de participación. Como dato a ter en conta, todos os menores de 14 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable do menor ou a menor.

Para desenvolver esta iniciativa, colaboran o CBM Oleiros; o Club Salvamento Sada; o Club Rítmica Ausarta; o Club Ciclista Skapaos; a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva de Boxing As Mariñas; o Club Atlético Bergondo; a APA “As Mariñas” do CPI Cruz do Sar e Protección Civil de Bergondo.

Cartel día del deporte Bergondo