Bergondo acolleu as VII Xornadas Interprofesionais de Atención Temperá
O edificio Cultural A Senra de Bergondo acolleu as VII Xornadas Interprofesionais de Atención Temperá, un encontro organizado conxuntamente entre a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para presentar propostas de mellora necesarias para optimizar a Rede Galega de Atención Temperá.
Estas xornadas, que foron inauguradas pola Alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García Martínez, o presidente da AGAT, Jaime Ponte MittelBrunn, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila. Ademais, contaron coa asistencia de máis de cen profesionais da atención temperá chegadas dende toda Galicia.
As intervencións da inauguración iniciaban coa do Presidente de COGAMI, quen fixo alusión á importancia de contar con recursos dende a infancia para o benestar porque, segundo dixo, “a desigualdade que se orixina na infancia, perpetúase e incluso se acentúa na idade adulta, polo que é necesario garantir o acceso a servizos de atención temperá na contorna”. Engadía Queiruga que estes recursos deben estar próximos ás persoas, “para que os recursos cheguen a todo o territorio para que as familias non teñan que desprazarse ás cidades”.
A Conselleira expresaba o seu agradecemento por ser convidada a este foro no que se fala “dun servizo que é imprescindible e tamén necesario para todos os cidadáns”, indicaba. Fabiola García contestoulle ao presidente de AGAT que non podería facer balanzo de datos sobre o servizo “porque estamos nun mes político e, polo tanto non procedería facer por parte da Administración ese balanzo de datos”. A Conselleira de Política Social expresaba que “as familias contan cun centro de atención temperá que é próximo ao seu domicilio, no que os seus fillos poden recibir as terapias que necesitan e nos que as familias poden resolver todas as dúbidas cando empezan a detectar que ten un problema no desenvolvemento”.
A Alcaldesa de Bergondo remataba a quenda de intervencións da inauguración VII Xornadas Interprofesionais de Atención Temperá poñendo en valor este servizo que “nun principio non detectábamos que fora necesario no noso Concello e nas nosas familias, éramos o Concello con menos necesidades na teoría, porque logo escarvando si hai esas necesidades”, expresaba. A Alcaldesa puxo en valor a necesidade da atención temperá “que non se acabe este programa Conselleira que, como ben dicías, para as familias é básico”. Alejandra Pérez remataba propoñendo unha mellora nas infraestruturas como “seguinte reto”.