Bandas e solistas emerxentes galegos poderán actuar no Festival de la Luz e gravar nos Estudios Mans

GaliciaXa | ACoruñaXa
O concurso Sonidos Mans Salas, impulsado pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Deputación da Coruña, manterá aberto o prazo de inscrición ata o 24 de xullo
A CORUÑA asoc paideia concurso festival da luz
17 Jul 2026

As bandas e solistas emerxentes de Galicia xa poden inscribirse na nova edición de Sonidos Mans Salas, o concurso impulsado pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Deputación da Coruña que busca apoiar e dar visibilidade a novos proxectos musicais galegos.

A convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 24 de xullo e está dirixida a artistas de calquera estilo musical que presenten unha canción orixinal a través do formulario habilitado na plataforma do concurso.

Os tres proxectos finalistas terán a oportunidade de gravar un tema e un videoclip nos Estudios Mans da Coruña, unha das principais recompensas desta iniciativa. Ademais, a banda ou solista gañador protagonizará unha actuación en directo nunha sala de concertos da provincia da Coruña.

As propostas serán avaliadas por un xurado formado por Sabela Maneiro, integrante de Tanxugueiras; Lucía Aldao, poeta, música e líder da banda PAVA; e Enrique Ramil, cantante e compositor. O xurado será o encargado de seleccionar os tres proxectos finalistas, que actuarán en directo o vindeiro 30 de agosto no Festival de la Luz, en Boimorto, nunha audición final da que sairá a proposta gañadora.

Esta será a sétima edición de Sonidos Mans Salas, unha iniciativa coa que a Fundación Paideia Galiza continúa o seu apoio ao desenvolvemento de novos proxectos musicais galegos, facilitando ferramentas para a súa profesionalización e difusión.

A través dos Estudios Mans, a Fundación desenvolve diferentes accións dirixidas ao sector artístico, entre elas programas de aceleración, formación en competencias profesionais, promoción e gravación de artistas, así como iniciativas recentes vinculadas tamén ao ámbito da danza.

0.10250306129456