Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel e Jorge González pechan o Atlantic Pride de A Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
O festival gratuíto celebrarase do 5 ao 12 de xullo na Coruña cun cartel interxeracional que mestura pop, electrónica, talento galego e cultura drag
A CORUÑA pride 2026 programa
11 May 2026

O Atlantic Pride xa ten pechado o cartel da súa sétima edición. O festival, coñecido como o 'Orgullo do Norte', celebrarase do 5 ao 12 de xullo na Coruña e incorporará á súa programación a Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel e Jorge González, catro nomes ligados ao pop, á televisión musical, a Eurovisión e a grandes himnos populares.

A cita foi presentada este luns no Pazo de María Pita coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e dos directores do Atlantic Pride, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos, da Asociación Orgullo Coruña. Tamén asistiron representantes da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e de Estrella Galicia, entidades que apoian o festival.

O programa combinará concertos, sesións de DJ, actuacións drag e propostas galegas emerxentes. Entre os nomes xa confirmados figuran tamén Zahara co seu espectáculo electrónico 'ZAHARAVE', Miriam Rodríguez, Whigfield, Alba Reche, Julieta, Ricky Merino, Kika Lorace, Tú peleas como una vaca, arde, Jonydasvie, Montedapena, raze, Terrae Dj's, Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, La Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon.

Azúcar Moreno actuará o xoves 9 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez, nunha xornada na que tamén estarán Whigfield e DJ90. Soraya e María Isabel subirán ao escenario o domingo 12 de xullo, tamén nos Xardíns de Méndez Núñez, nunha última xornada na que participarán Coro Cores, Ricky Merino e DJ Flashback. Jorge González actuará o domingo 5 de xullo na Praza de Pontevedra, xunto a raze, Kika Lorace e DJ Licho.

Unha das novidades desta edición será o Atlantic Drag, previsto para o luns 6 de xullo na Praza de Pontevedra. A proposta reunirá 13 raíñas do transformismo e busca recoñecer a creatividade, o humor e a forza escénica da arte drag local. Ese mesmo día actuarán tamén Jonydasvie e DJ Cés.

O codirector do festival, Luís Pazos, destacou que o Atlantic Pride chega á súa sétima edición como un encontro 'aberto e diverso' pensado para celebrar a liberdade, a visibilidade e o dereito a vivir o espazo público con orgullo. Pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, salientou que a cita representa a unión entre cultura, diversidade afectiva e sexual e o carácter acolledor da cidade.

O Atlantic Pride naceu en 2019 impulsado pola Asociación Orgullo Coruña e consolidouse como unha das grandes citas culturais e festivas do verán no noroeste peninsular. A pasada edición reuniu preto de 45.000 persoas e este ano volve apostar por unha programación gratuíta, popular e interxeracional.

0.13162589073181