Avanzan os trámites para a constitución da Asociación de Ecoturismo das Mariñas Coruñesas

ACoruñaXa
Empresas certificadas da Reserva de Biosfera avanzan na creación dunha asociación para potenciar o ecoturismo sostible na zona
Reunión Mariñas Coruñeses novembro
6 Nov 2024

Este martes, 5 de novembro, celebrouse a reunión para a aprobación dos estatutos, elección da xunta directiva e firma da acta fundacional da nova Asociación de Ecoturismo das Mariñas Coruñesas, avanzando así na súa constitución. Esta asociación ten como obxectivo impulsar un modelo de turismo sostible e harmónico nun territorio recoñecido pola UNESCO, formado por empresas certificadas coa Marca de Calidade da Reserva de Biosfera.

A asociación funcionará como un clúster de empresas, que integra negocios diversos como restaurantes e aloxamentos, agroturismo, empresas de actividades náuticas, guías turísticos oficiais, e empresas de interpretación patrimonial, ademais de axencias de viaxes locais e transporte turístico adaptado.

Un criterio fundamental para formar parte da asociación é contar coa triple certificación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, que inclúe a Marca de Calidade da Reserva de Biosfera, o Sistema de Calidade Turística e o Club de Ecoturismo de España. A Reserva será a encargada de actualizar anualmente a listaxe de empresas certificadas, requisito indispensable para integrarse na asociación.

A nova xunta directiva foi elixida por unanimidade e estará presidida por Lolo Mosteiro, de Artesa da Moza Crecha. Miguel Ángel Roig, de Os Biosbardos, ocupará a vicepresidencia primeira, mentres que José Soto, de Casa de Sixto, será o vicepresidente segundo. O cargo de secretario será desempeñado por José Ángel Paz, de 77 Turismo Betanzos, e o de tesoureira, por Edurne Galindo, de Onda do Pedrido. Como vogais estarán representantes de sectores específicos, como José Manuel Pantín en aloxamentos, Jorge Molina en produtos agroalimentarios, Paula Martínez en restauración, Pablo López en actividades ecoturísticas, Alejandro Sánchez en agroturismo, e María Luisa Fernández representará ás axencias de viaxes locais.

0.18098998069763