Avanzan a bo ritmo as obras de accesibilidade nas paradas de autobús do barrio do Castrillón

ACoruñaXa
Tras as actuacións nas rúas Curtis e José María Hernansáez, os traballos avanzan agora fronte á praza de Pablo Iglesias
Imaxe das obras da parada de autobús no Castrillón
31 Out 2024

O Concello da Coruña segue a avanzar nas melloras de accesibilidade nas paradas de autobús do barrio do Castrillón, onde nestes días os operarios traballan na parada situada na rúa Bergondo, xusto fronte á praza de Pablo Iglesias. Este proxecto forma parte dun plan máis amplo promovido polo equipo de goberno de Inés Rey, que ten como obxectivo adecuar as paradas de autobús da cidade ás necesidades actuais das persoas usuarias.

Ata o momento, as primeiras intervencións tiveron lugar en xuño na rúa Curtis e posteriormente na rúa José María Hernansáez, tamén no Castrillón. A fase actual inclúe actuacións en 16 paradas repartidas por distintos barrios da cidade, como Os Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou e Monte Alto, co fin de mellorar a accesibilidade e facilitar o acceso.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que a remodelación da parada fronte á praza de Pablo Iglesias contempla ampliar a beirarrúa e renovar a marquesiña para mellorar o confort das persoas usuarias. Ademais, estanse a realizar traballos no paso peonil que conecta coa rúa Sarxento Veiga Pérez, co obxectivo de facer o cruzamento máis accesible, engadindo pavimentos podotáctiles que melloran a orientación das persoas con discapacidade visual.

0.195876121521