Aspanaes celebra o Día Mundial de concienciación sobre o autismo
Este martes 2 de abril celebrase o Día Mundial de concienciación sobre o autismo e a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da Provincia da Coruña celebrou un acto na súa sede da cidade herculina.
Deste xeito, a concelleira do Concello da Coruña da área de Benestar Social, Yoya Neira, visitou esta mañá o colexio de educación especial de Aspanaes, entidade que desde 1979 defende os dereitos das persoas con trastornos do espectro autista (TEA) e loita para a súa integración social. Aspanaes conta co apoio do Concello da Coruña no financiamento do servizo de respiro familiar e apoio de coidadores de persoas con autismo, seguindo a liña marcada polo Goberno de Inés Rey para a colaboración coas entidades do terceiro sector.
Na visita, á que asistiu tamén o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a concelleira lembrou a importancia de datas como a de hoxe para visibilizar as necesidades das persoas con TEA. Neira subliñou que este labor de sensibilización debe ser constante e cotiá para que ditas persoas e as súas familias poidan mellorar a súa calidade de vida.
Acompañaron á concelleira e ao presidente da Deputación o presidente de Aspanaes, Ignacio Labella Lozano; o director xerente, Daniel Viéitez Solla; o director do Colexio de Educación Especial, Renato Rivas e a presidenta da AMPA, Begoña Fernández Enríquez.
Pola súa banda, Formoso quixo subliñar “a sensibilidade e o compromiso da Deputación coas persoas usuarias de Aspanaes e as súas familias”. “Todo o que fagamos é pouco, aínda que a nosa colaboración sexa permanente, por iso é fundamental que todas as institucións colaboremos para fomentar a inclusión social e laboral das persoas con TEA e prestar apoio ás familias”, afirmou o presidente, que destacou que esta “non é labor dun día, senón dos 365 días do ano”.
A deputada provincial, Yoya Neira, quixo recoñecer “o gran traballo que realiza Aspanaes á hora de atender ás persoas e todas aquelas entidades que se encargan de traballar con este espectro”.
“Hai que poñer no punto de mira as dificultades que se atopan no día a día e temos que facer un esforzo entre todos para ser capaces de poñer cada vez máis recursos ao seu alcance” concluíu.
O presidente de Aspanaes, Ignacio Abella, agradeceu a visita do presidente e da deputada provincial e salientou que “o lema deste ano, ‘O autismo cerca de ti’, ten que ver con ese 1% de todos os nacementos que hai no mundo presentará autismo. Iso indica que somos un colectivo grande que precisa axuda, como a que presta a Deputación da Coruña, amosando o seu apoio no día a día”.
En España, a condición autista ten unha prevalencia aproximada de 1 de cada 100 nacementos, o que significa que hai unhas 470.000 persoas autistas. Esta afección maniféstase de forma diferente en cada persoa, polo que podemos ter preto a alguén con este espectro e non sabelo.
Na actualidade, o colexio de Aspanaes na cidade da Coruña conta con 40 persoas usuarias, que requiren de atención e precisan de coidados especializados. Aspanaes é unha das 273 entidades sociais que cada ano contan co apoio económico da Deputación. Nos últimos anos a entidade provincial contribuíu a financiar programas e terapias de fomento da autonomía persoal das persoas con TEA e entregoulle un novo vehículo adaptado para o transporte dos seus usurarios, entre outras actuacións.