Aspadisol abre as súas portas en Oleiros para reivindicar a inclusión das persoas con discapacidade intelectual

A Deputación da Coruña participou este martes na xornada 'Facendo comunidade', organizada por Aspadisol en Oleiros co obxectivo de achegar á cidadanía o traballo que desenvolve a entidade en favor das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou as instalacións e percorreu os diferentes espazos habilitados durante a xornada, interesándose polos servizos, programas e actividades que presta a asociación, así como polo labor que realiza o seu equipo profesional.
Durante a visita, García Vidal destacou "o compromiso e a profesionalidade das entidades sociais, que realizan un traballo imprescindible para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e con igualdade de oportunidades".
A responsable provincial lembrou tamén que a Deputación da Coruña colabora cada ano con arredor de 270 entidades sociais da provincia, apoiando programas de atención, inclusión, autonomía persoal e mellora da calidade de vida.
"Fortalecer o tecido asociativo é unha prioridade para a Deputación, porque estas entidades están cada día preto das persoas, coñecen as súas necesidades e ofrecen respostas fundamentais para as familias", afirmou a deputada.