ASPACE Coruña recibe o Premio Solidario Cenor polo seu proxecto de alimentación texturizada

ACoruñaXa
A iniciativa, iniciada en 2018, mellora a seguridade e o pracer á hora de comer en persoas con parálise cerebral e disfagia
SADA aspace premio
18 Dec 2025

ASPACE Coruña vén de sumar un novo recoñecemento ao seu traballo en favor das persoas con parálise cerebral. A entidade recibiu o Premio Solidario Cenor polo proxecto de 'Alimentación Texturizada', unha proposta que permite que persoas con dificultade para tragar alimentos ou líquidos poidan acceder a pratos máis seguros sen renunciar ao sabor nin á experiencia de comer.

A entrega do galardón celebrouse o pasado martes no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Ao acto asistiron a presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro, o xerente Ricardo Iglesias e o xefe de cociña Óscar Romero.

Desde a asociación explican que esta técnica supuxo un cambio notable na vida das persoas usuarias. O sistema, posto en marcha en 2018, busca conservar o sabor, o cheiro e mesmo a aparencia do prato orixinal, pero cunha textura adaptada e axeitada para persoas con disfagia, evitando fíos ou hebras e garantindo unha inxesta máis segura, ademais de atender ás necesidades nutricionais de cada caso.

A chegada da alimentación texturizada tamén supuxo un salto fronte ao modelo previo, baseado en triturados e purés nos que se mesturaban os alimentos e se perdían matices. Co novo método, destacan, mellora a motivación, o apetito e a participación social das persoas usuarias. De feito, a asociación apunta que hai persoas que, xa na idade adulta, descubriron por primeira vez o sabor real de alimentos como un tomate, unha tortilla ou un filete.

O proxecto é froito dun traballo conxunto entre os equipos de Logopedia e Cociña, que realizan unha avaliación individualizada e adaptan os menús a cada persoa. Cada ano, ASPACE Coruña serve máis de 90.000 menús, dos que máis de 36.000 son texturizados. Esta iniciativa xa fora recoñecida tamén co Premio Innovación do Sergas no ano 2023.

⚙ Configurar cookies
0.13523507118225