Aspace Coruña gaña tres premios no concurso 'En Aspace cocinamos juntos'

ACoruñaXa
O xurado tiña que valorar, non só a preparación, presentación e sabor dos pratos, senón que, entre outras, a implicación e participación das persoas con parálise cerebral na elaboración da receita
Imaxe dos rapaces de Aspace Coruña
10 Maio 2024

Os rapaces de ASPACE Coruña levaronse nada menos que tres premios na gran final do concurso de cociña “En ASPACE Cociñamos Xuntos”, un certame gastronómico organizado por Federación ASPACE Galicia, que agrupa ás entidades de parálise cerebral da comunidade.

O grupo formado por Samuel Botana, Ismael Ferreiro e Mayte Pérez, do Centro Educativo, coa súa receita 'Bao Boom de muuu…', gañaron o primeiro premio na categoría de prato tradicional, e o equipo de Chon Rouco e Rubén Gómez, de Centro de Día, coa súa receita “Hamburguesa mariñeira” obtiveron o segundo premio na categoría de texturizados. Ademais, Lucía Rodríguez, tamén usuaria de ASPACE Coruña, gañou o premio do II Concurso de Empratado ao ser o seu prato o máis votado no Facebook.

O certame contou cun xurado de excepción formado por dous excelentes cociñeiros do Grupo Nove: Alberto Cruz (Restaurante Landua) xunto a Javier Rodríguez Ponche 'Taky', tres veces campión de cociñeiros de Galicia; e Marián Garrido, responsable de eventos do Aparthotel Attica21 As Galeras, lugar no que se celebrou a final.

O xurado tiña que valorar, non só a preparación, presentación e sabor dos pratos, senón tamén a implicación e participación das persoas con parálise cerebral na elaboración da receita, as adaptacións realizadas nos utensilios de cociña ou nas receitas de cociña, ou a descrición da elaboración en pictogramas e lectura fácil.

Os gañadores foron obsequiados cun lote de produtos gourmet por cortesía dalgunhas das empresas colaboradoras.

0.14317607879639