ASPACE Coruña adianta o Nadal para reclamar máis apoio ás familias das persoas con parálise cerebral

ACoruñaXa
A entidade celebrou en Sada o Día Mundial da Parálise Cerebral cunha campaña que reivindica máis recursos, conciliación e apoios para quen coida
SADA xornada navidad aspace
6 Oct 2026

As luces do Nadal acendéronse este martes, 6 de outubro, en ASPACE Coruña. A entidade aproveitou a celebración do Día Mundial da Parálise Cerebral para adiantar simbolicamente estas festas e lanzar unha mensaxe sobre a realidade que viven moitas familias, obrigadas a anticiparse continuamente ás necesidades de apoio dos seus familiares.

Baixo o lema 'Cuidar Sin Renunciar', a asociación sumouse á campaña promovida pola Confederación ASPACE xunto con entidades de todo o Estado para reclamar que as persoas con parálise cerebral conten cos apoios necesarios durante todas as etapas da súa vida e que as familias poidan exercer os seus coidados sen ter que renunciar ao emprego, ao tempo libre ou ao seu propio proxecto vital.

En España viven máis de 120.000 persoas con parálise cerebral, mentres que en Galicia a cifra supera as 5.000. Segundo os datos manexados pola Confederación ASPACE, arredor do 80 % presentan grandes necesidades de apoio, o que pode implicar unha atención continuada por parte das familias durante as 24 horas do día.

Esta realidade ten tamén unha importante dimensión de xénero. O 71,5 % das persoas coidadoras son mulleres, segundo os estudos da Confederación ASPACE, e en numerosos casos son elas as que acaban reducindo a súa xornada laboral ou mesmo deixando o emprego para poder asumir as tarefas de coidado.

Doce peticións como as doce badaladas

O acto celebrado nas instalacións de ASPACE Coruña contou coa participación da presidenta da entidade, María Carmen Barreiro; do xerente, Ricardo Iglesias, e do alcalde de Sada, Benito Portela. Tras as intervencións procedeuse á lectura dun manifesto no que persoas con parálise cerebral e familias formularon doce reivindicacións, representadas simbolicamente polas doce badaladas do Nadal.

Entre as peticións figuran o reforzo das prestacións e das medidas de conciliación, a creación de máis recursos residenciais e o incremento dos apoios comunitarios especializados. Tamén se reclama unha financiación suficiente para que as entidades poidan responder ás necesidades das persoas con parálise cerebral e das súas familias.

A elección do Nadal como elemento simbólico busca precisamente chamar a atención sobre a necesidade de que os apoios non cheguen de maneira puntual, senón que estean dispoñibles ao longo de toda a vida das persoas que os necesitan.

A celebración rematou cun dos momentos máis emotivos da xornada: o acendido da árbore de Nadal por parte de Yemira, unha nena da asociación, que accionou un pulsador para iluminala. Antes, persoas usuarias de ASPACE Coruña e tamén das asociacións Aspadisol e Aspronaga prepararan os adornos que decoraron a árbore, acompañados de mensaxes e desexos.

A actividade incluíu tamén un photocall para as persoas participantes, nunha xornada que combinou a parte festiva coa reivindicación das necesidades de apoio que afrontan diariamente miles de persoas con parálise cerebral e as súas familias.

0.15230298042297