ASPACE achega ao Concello propostas para facer de Sada un municipio máis accesible

O Concello de Sada recibiu este luns un estudo elaborado polos usuarios e usuarias do centro ASPACE no que se recollen diferentes propostas para mellorar a accesibilidade no municipio. O alcalde, Benito Portela, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Patricia Martínez, mantiveron un encontro co grupo participante, que fixo entrega dun documento froito de dous anos de análise e traballo.
Ao longo deste tempo, as persoas usuarias do centro revisaron distintos espazos e itinerarios de Sada co obxectivo de detectar obstáculos e identificar actuacións que permitan avanzar cara a un municipio máis inclusivo. O informe presentado recolle medidas vinculadas ao espazo público, á mobilidade peonil e á supresión de barreiras arquitectónicas.
Durante a reunión, os participantes expuxeron as principais conclusións do estudo e trasladaron ao goberno local as melloras que consideran prioritarias para facilitar a autonomía das persoas con dificultades de mobilidade e contribuír a un uso máis igualitario da vila.
O rexedor puxo en valor o traballo desenvolvido por ASPACE e subliñou a importancia de que sexan as propias persoas que afrontan a diario problemas de accesibilidade as que sinalen as necesidades máis urxentes. Nese sentido, comprometeuse a estudar as propostas recollidas no documento e a avanzar nas actuacións que resulten viables.
Desde o executivo local explican que algunhas das intervencións formuladas xa están en marcha, mentres que outras serán avaliadas polos servizos municipais de cara á súa posible execución nos próximos meses. Con este encontro, o Concello reforza a súa aposta por un espazo público máis accesible, inclusivo e pensado para todas as persoas.