Ascensión Cambrón, nova membro do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses
Este luns pola tarde celebrouse a cerimonia de ingreso de Ascensión Cambrón Infante como novo membro numerario da institución.
No acto, presidido pola alcaldesa, e presidenta do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, Inés Rey, foi realizado no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita.
Nel, a rexedora puxo en valor o traballo e percorrido de Cambrón, filósofa e profesora nada en Córdoba e coruñesa de adopción. Durante a súa traxectoria, a nova integrante do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses centrou os seus estudos de investigación na figura de Ramón de la Sagra, importante sociólogo coruñés do século XIX e figura do progresismo sobre a que orbitou o discurso de ingreso de Cambrón esta tarde.
"O Instituto Cornide suma hoxe unha figura referencial no seu campo, no do coñecemento, pero tamén no do activismo, no das causas xustas. A mestra Cambrón destacou, e destaca, pola súa férrea defensa dos dereitos humanos, entendidos estes como un proceso aberto, que debería chegar, como así se conseguiu grazas ao traballo de persoas coma ela, ao dereito a unha morte digna. Os avances sociais están en débeda con figuras como a súa", incidiu a alcaldesa.
Á sesión de ingreso de Ascensión Cambrón asistiron, ademais, o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e a directora do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, Ana Romero Masiá. Tamén Alfredo Vigo, María de la O Suárez, Xosé Antón Fraga e Emilio Grandío, integrantes do Instituto.