As Torres de Santa Cruz (Oleiros) celebran este sábado a Festa da Lingua
O Concello de Oleiros celebra este sábado 11 de maio a Festa da Lingua organizada polo seu Servizo de Normalización Lingüística nas Torres de Santa Cruz cun feixe de actividades para familias.
Deste xeito, o teatro e parque das Torres acollerá o próximo sábado 11 de maio unha xornada de teatro, xogos e concertos para todas as familias do Apego coa fin de celebrar a nosa lingua.
Ás 12.30 horas comezará a xornada co concerto Rockeando coas que máis molan de Pakolas. Un concerto coa recompilación das cancións que máis molan dos seus discos: Pakolas, Ramona Órbita e A Ramona pequena vai á lúa. A rapazada poderá bailar cancións como Baldomero, o Mero ou Manolo Cavernario.
Ás 16.30 horas terán lugar os Xogos do Poporrubio, un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. Esta actividade está recomendada para maiores de 2 anos.
Para as familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos no teatro das Torres haberá un contacontos: Carapuchiña vermella e os cinco lobiños, de Ángeles Goas. Un espectáculo de narración oral e música, onde a grande protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura un pouco diferente. No seu camiño, a falta dun lobo, hai 5 lobiños que son tan pequerrechiños que caben na súa cesta. A súa duración é de 30 minutos.
Ás 18.30 horas, para rematar a festa; concerto de Paco Nogueiras que presenta o seu novo disco Son Animal. Un novo espectáculo dedicado aos animais máis próximos e aos seus sons convertidos en divertidas cancións
A totalidade das actividades están dirixidas a familias con crianzas entre 0 e 6 anos.
As inscricións faranse a través do formulario habilitado na web municipal a partir das 10.00 horas do día 6 de maio, con preferencia, os dous primeiros días, para todas as familias inscritas no programa Apego en Oleiros.