As sirenas de Cecebre soan hoxe en Cambre nun simulacro de prevención ante inundacións

ACoruñaXa
A proba realizarase arredor das 12.00 horas dentro do plan INUNGAL e non supón ningún risco para a veciñanza
CAMBRE presa cecebre
25 Jun 2026

As sirenas de aviso da presa de Cecebre soarán este xoves, 25 de xuño, arredor das 12.00 horas, nunha proba de funcionamento que afectará aos concellos de Cambre e Culleredo. O simulacro está organizado pola Xunta de Galicia no marco do Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL).

A actuación ten como obxectivo comprobar o correcto funcionamento dos sistemas de aviso á poboación e familiarizar á cidadanía co son das sirenas, que só se activarían no caso dunha emerxencia real relacionada coa presa. O Concello de Cambre lembra que se trata exclusivamente dunha proba, polo que non existe ningún risco nin será necesario adoptar ningunha medida especial.

Durante o desenvolvemento do exercicio, efectivos da Policía Local de Cambre e de Protección Civil estarán despregados nos distintos puntos nos que se sitúan as sirenas. O seu labor será colaborar no dispositivo, verificar que os equipos funcionan correctamente e atender as posibles dúbidas que poidan xurdir entre a veciñanza.

A proba de Cecebre forma parte dun operativo máis amplo que se desenvolverá os días 25 e 26 de xuño en distintas presas de Galicia. Estes ensaios permiten revisar os mecanismos de alerta e reforzar a coordinación entre administracións e servizos de emerxencia ante posibles escenarios de risco.

As sirenas forman parte dos Plans de Emerxencia de Presas (PEP), integrados no INUNGAL, e constitúen un elemento esencial para avisar á poboación no improbable caso dunha rotura inminente dunha presa. A actividade diaria poderá continuar con total normalidade durante a proba.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza durante a realización deste simulacro, que contribúe a mellorar a preparación e a resposta ante posibles situacións de emerxencia.

0.10738205909729