As rutas guiadas pola ría de Betanzos quedan suspendidas en xuño por unha avaría na embarcación

ACoruñaXa
O Concello traballa xa na reparación do barco e prevé recuperar o servizo en xullo, mantendo abertas as reservas para a tempada estival
BETANZOS ruta fluvial mandeo
23 Jun 2026

As rutas guiadas fluviais pola ría de Betanzos permanecerán suspendidas durante o que resta do mes de xuño debido a unha avaría técnica na embarcación encargada de prestar este servizo turístico.

Segundo informou o Concello, os traballos de reparación xa están en marcha co obxectivo de solucionar a incidencia o antes posible e garantir que a actividade poida retomarse con todas as condicións de seguridade e calidade para as persoas usuarias.

A suspensión afecta a todas as saídas previstas para este mes, unha medida que o goberno local considera necesaria mentres non se complete a posta a punto da embarcación. Desde o Concello lamentan as molestias que esta situación poida ocasionar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes que tiñan previsto participar nas rutas.

A pesar desta interrupción temporal, a programación establecida a partir de xullo mantense sen cambios. Sempre que os traballos de reparación finalicen nos prazos previstos, as rutas volverán desenvolverse conforme ao calendario oficial previsto para a tempada estival.

As persoas interesadas poden seguir realizando as súas reservas a través da Oficina de Turismo de Betanzos, que continuará atendendo consultas e facilitando información sobre a evolución do servizo.

O Concello agradeceu a comprensión da cidadanía e dos visitantes ante esta incidencia e reafirmou o seu compromiso de recuperar canto antes unha actividade que se consolidou como un dos principais reclamos turísticos da cidade durante os meses de verán.

0.1329300403595