As rúas de Santa Cruz acollen unha exposición sobre os 30 anos da feira de Alfaroleiros
O trixésimo aniversario de Alfaroleiros motivou a organización dunha exposición de rúa que estará instalada durante o mes de agosto entre a praza Esther Pita e o paseo marítimo de Santa Cruz. Son 47 paneis que recollen diversos contidos relacionados co barro, a feira, o museo e a cultura oleira que se xera en torno a este motivo.
A exposición, coa que se quere ampliar a feira e contextualizar estes 30 anos de actividade, está dividida en dúas partes, aínda que as persoas que a visitan poden facelo sen unha orde previamente establecida. Os textos das explicacións están realizados en galego, castelán e inglés e foi realizada polos servizos públicos municipais.
Na parte documental recóllese a parte histórica e as distintas actividades que se xeran arredor do barro, como a Escola Municipal de Alfarería, os actos paralelos a Alfaroleiros, a actividade turística e identitaria derivada da mostra e mesmo a propia evolución urbana de Santa Cruz.
A propia feira é protagonista dunha serie de paneis, que recollen distintos momentos e explicacións históricas, así como referencias ás persoas que ano tras ano veñen ao evento.
Un dos paneis explica a relación histórica de Oleiros co barro, manifestada nas numerosas telleiras que houbo na zona e na homenaxe que se lle fixo no Paseo Marítimo de Mera, probablemente o único pavimento ibérico realizado integramente con cerámica. Nese mesmo panel destaca unha espléndida foto histórica, co persoal da telleira de Santa Cruz a primeiros do século XX posando para a instantánea.
O Museo dos Oleiros tamén é protagonista de varios paneis, cunha escolla das importantes pezas que atesoura grazas á importante colección de José María Kaydeda, xerme do museo e ao que tamén se lle dedica unha semblanza.
O outro capítulo da feira consiste nunha escolma das pezas especiais que durante estes trinta anos foron entregando ao Concello as olerías convidadas á feira para vender os seus produtos.
As pezas, fotografadas por David Balado na contorna do Museo, ofrecen unha interesante visión da diversidade temática, formal, funcional e xeográfica que comportan estas pezas artesáns, unha contribución moi sólida á etnografía e o coleccionismo.
A exposición quedou instalada en varios lugares de Santa Cruz, combinando a súa visibilidade e a comodidade das persoas que a visitan, coa funcionalidade do espazo en pleno mes de agosto, rebosante de actividade festiva e cultural.