As Residencias Artísticas Mariñán pechan en Bergondo a súa edición con máis proxectos seleccionados

ACoruñaXa
O Pazo de Mariñán acolle este venres 24 de abril, ás 11.00 horas, a despedida das Residencias Artísticas Mariñán 2026, unha convocatoria da Deputación da Coruña que este ano medrou de oito a quince proxectos seleccionados
DIPU CORU residencias artisticas
23 Apr 2026

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, será escenario este venres 24 de abril do acto de despedida das Residencias Artísticas Mariñán 2026, a edición con maior número de participantes e proxectos escollidos desde a posta en marcha desta iniciativa da Deputación da Coruña. A cita comezará ás 11.00 horas e contará coa presenza da deputada de Cultura, Natividade González, ademais das persoas comisarias e participantes nas distintas modalidades.

O encontro servirá para poñer o broche final a unhas residencias que arrancaron o pasado 11 de abril e que, nesta edición, deron un salto cuantitativo ao pasar de oito proxectos seleccionados en 2025 a quince este ano. Durante o acto, as persoas participantes compartirán a súa experiencia en Mariñán e ofrecerán detalles sobre a evolución creativa das propostas desenvolvidas ao longo destas dúas semanas.

Na área de música participan O Xoán Faiado, Gallaecia Ensemble Barroco, Tránsito e PAVA. No ámbito da literatura forman parte da convocatoria Javier Humberto Rodríguez Alonso, con ‘Nunca morreramos tan xuntos’, e Petra Iglesias Gallego, con ‘Disforia: unha mancha de pel allea’. En pensamento, as residencias reuniron a Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’.

A edición complétase coa área de creación de contidos socioculturais en redes sociais, na que foron seleccionados os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘Cultura ao descuberto’, de Candela Lola Battiato Miñones; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos; ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro; e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez.

A deputada de Cultura, Natividade González, puxo o foco na solidez das iniciativas escollidas e na variedade de linguaxes e disciplinas presentes nesta convocatoria. Segundo destacou, para a Deputación é esencial apoiar procesos creativos que precisan tempo, espazo e acompañamento, ofrecendo ás creadoras e creadores un marco axeitado para desenvolver os seus proxectos en condicións óptimas.

0.11976599693298