As Residencias Artísticas Mariñán pechan edición co reto de seguir medrando

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña despediu no Pazo de Mariñán, en Bergondo, a convocatoria de 2026, que pasou de oito a quince proxectos seleccionados
DIPU CORU residencias artisticas (2)
24 Apr 2026

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu este venres o acto de despedida das Residencias Artísticas Mariñán 2026, unha iniciativa da Deputación da Coruña que nesta edición reforzou o seu papel como espazo de creación contemporánea. A deputada de Cultura, Natividade González, participou no encontro xunto ás persoas comisarias e residentes, que compartiron o resultado dun proceso marcado pola convivencia, a experimentación e o tempo para crear sen a presión dun resultado inmediato.

A convocatoria, iniciada o pasado 13 de abril, foi a máis ampla ata o momento. O programa pasou dos oito proxectos seleccionados en 2025 aos quince desta edición, coa incorporación por primeira vez da área de creación de contidos socioculturais en redes sociais. González salientou que as residencias son xa 'un referente para o noso país' e comprometeuse a traballar para que 'sigan crecendo' nas próximas convocatorias.

A deputada tamén destacou o labor das persoas encargadas da coordinación artística: Roberto Abuín, na área de literatura e pensamento; Aitana Cuétara, na de música, e Xiana Iglesias, na creación de contidos socioculturais en redes. O acto serviu para poñer en valor a importancia de contar con espazos que permitan ás persoas creadoras investigar, ensaiar, equivocarse e reformular os seus proxectos nun contexto de acompañamento profesional.

Na residencia de música participaron O Xoán Faiado, Gallaecia Ensemble Barroco, Tránsito e PAVA. Varios dos seus integrantes coincidiron en destacar o valor das relacións xurdidas durante a estancia e a oportunidade de traballar sen unha data de entrega inmediata. Xoán Fórneas resumiu a experiencia sinalando que puideron compoñer cancións, definir as bases estéticas do proxecto e saír 'moi felices' do proceso.

A área de literatura e pensamento contou cos proxectos 'Nunca morreramos tan xuntos', de Javier Humberto Rodríguez Alonso; 'Disforia: unha mancha de pel allea', de Petra Iglesias Gallego; 'PIM PAM PUM: un entroido!', de Cristina Rodríguez Barrado, e 'Curvas e pregos. Escuma ou Crinas', de Carlos Fernández López. As persoas participantes puxeron o foco na posibilidade de investigar con calma, facer entrevistas, desenvolver personaxes e abordar cuestións sociais e identitarias desde a creación artística.

A nova modalidade de creación de contidos reuniu propostas como 'CienciA: catro pioneiras galegas', de Yeray Folgar Cameán; 'Cultura ao descuberto', de Candela Lola Battiato Miñones; 'carlotaghatos', de Carlota Casal Ramos; 'Séculos Escuros', de Laura Villar Loureiro, e 'Adochinto', de Leticia Mayán Rodríguez. Entre as valoracións, destacouse a utilidade da residencia para profundar na investigación, ordenar ideas e profesionalizar proxectos pensados para o ámbito dixital.

As persoas comisarias coincidiron en sinalar que Mariñán ofrece algo máis ca un lugar de traballo. Roberto Abuín subliñou que durante estes días se crean redes, amizades e diálogo artístico; Aitana Cuétara defendeu a necesidade de procesos que permitan tamén o erro, e Xiana Iglesias definiu as residencias como un espazo para profesionalizarse, atoparse e xerar novas sinerxías.

0.096096038818359