As Residencias Artísticas de Mariñán botaron a andar esta semana

ACoruñaXa
Os autores Francisco Rodríguez, Esperanza Mariño e Laura Martínez, e os músicos Cantometrics e Su Garrido Pombo xa están a gozar a súa estadía no Pazo de Mariñán
Imaxe da visita da deputada de Cultura da Deputación da Coruña ao Pazo de Mariñán
Imaxe da visita da deputada de Cultura da Deputación da Coruña ao Pazo de Mariñán
19 abr 2024

Esta semana botaron a andar as Residencias Artísticas da Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán.

Neste sentido, a deputada de Cultura, Natividade González, achegouse ata o Pazo de Mariñán para realizar unha visita institucional e compartir experiencias xunto aos participantes das bolsas.

Durante a visita, a deputada destacou no encontro o potencial de todas as propostas, así como “o compromiso dos artistas e autores, que están aproveitando estas Residencias ao máximo, conscientes da gran oportunidade que supón para as súas creacións, ao facilitarlles as ferramentas axeitadas para levalas a cabo”. Ese, é, precisamente, “o espírito destas residencias: apoiar os procesos creativos para que os creadores teñan a oportunidade de desenvolver os seus proxectos da mellor forma”.

Natividade González subliñou a importancia de “poñer á súa disposición un espazo como o Pazo de Mariñán para que poidan desenvolver os seus traballos da mellor maneira posible”, e tamén “de ofrecerlles recursos como formación e asesoramento personalizado en diferentes aspectos relacionados cos seus sectores da man de profesionais de primeiro nivel”.

As Residencias Artísticas Mariñán inclúen a dotación de material necesaria e espazos axeitados para o desenvolvemento das súas propostas, manutención e aloxamento, acompañamento e seguimento do proxecto por parte dos comisarios co fin de facilitar a súa viabilidade.

Desde o 15 ata o 26 de abril están traballando Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo na categoría de literatura, e Marina Vidal Valiña na de pensamento. Ademais, durante estes días conviven tamén con dous dos grupos participantes nas residencias de música, Cantometrics e Su Garrido Pombo. Os outros dous, Chumba e aTorna, chegarán a Mariñán do 21 a 26 de abril.

 Formación a medida para impulsar as súas creacións

Para o asesoramento dos proxectos, impártense unha serie de formacións en diferentes momentos ao longo da estadía, tanto de xeito presencial como online. Están programadas dun xeito especializado para cada un dos proxectos en función do seu nivel de desenvolvemento e as súas necesidades creativas, impartidas por persoal especializado.

Das Residencias Artísticas de Mariñán saíron outros proxectos de éxito como Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Vanesa Martínez, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez ou Esther Carrodeguas, entre outros.