As propostas infantís do programa 'Sementando Participación' cultivan o futuro da Coruña

ACoruñaXa
A alcaldesa Inés Rey destaca a importancia das ideas dos máis pequenos para mellorar a cidade, tras a presentación dos proxectos de 144 alumnos de diferentes centros educativos
Sementando participación coruña
16 Dec 2024

O Centro Sociocultural Ágora acolleu esta mañá o acto de clausura do programa Sementando Participación, unha iniciativa impulsada polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación Educo. O obxectivo deste programa é dar voz aos máis pequenos e pequenas da cidade, facendo partícipes aos nenos e nenas na construción dun futuro mellor para a cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto, acompañada por varios membros do Goberno local. Durante a súa intervención, destacou a importancia das ideas dos nenos e nenas como motor de cambio para A Coruña. "As vosas palabras, opinións e ideas son sementes, e esas sementes poden dar froitos reais. Hoxe celebramos que as vosas voces non só se escoitan, senón que inspiran accións reais", afirmou Rey.

A alcaldesa tamén fixo referencia á plantación dunha das primeiras árbores na rúa San Andrés, un proxecto inspirado nunha carta dunha veciña que pedia máis árbores na cidade. "Moitas veces pedides cousas que parecen pequenas, pero que realmente transforman a cidade", comentou.

Propostas que melloran a cidade

Os estudantes do CPR Calasancias, o CEIP Eusebio da Guarda e o Colexio Cid presentaron as súas propostas sobre diferentes temas como o coidado dos animais, a sustentabilidade, a accesibilidade nos parques infantís, a seguridade nocturna e o arte urbano. Entre os proxectos destacaron:

  • “Refuxio de animais” (5ºA, CPR Calasancias): creación dun espazo para animais abandonados e actividades de voluntariado.
  • “Recíclate” (5ºB, CPR Calasancias): aumento do número de contedores de reciclaxe e campañas de concienciación.
  • “Arte do grafitti” (6ºA, CEIP Eusebio da Guarda): substitución de grafitis por murais artísticos.
  • “Cúbrete mentres xogas” (6ºB, CEIP Eusebio da Guarda): techado de parques ao aire libre para garantir o xogo en días de choiva.
  • “Vixilancia nocturna” (6ºC, CEIP Eusebio da Guarda): instalación de cámaras en zonas escuras para mellorar a seguridade.
  • “Parques inclusivos” (6º, Colexio Cid): adaptación de parques para nenos con diversidade funcional.

Un programa para o futuro

O acto contou coa presenza de varios concelleiros e concelleiras que responderon ás propostas presentadas. Nereida Canosa, responsable de Benestar Social e Participación, felicitou aos estudantes e resaltou o papel fundamental deste tipo de iniciativas para construír unha cidade onde todas as voces sexan escoitadas. "Proxectos como este son esenciais para construír unha cidade máis inclusiva e participativa", afirmou.

Sementando Participación, desde a súa creación en 2018, fomenta a participación activa dos nenos e nenas na toma de decisións, empoderándolos como axentes de cambio. A través de dinámicas e formación, o programa promove valores como o diálogo, a colaboración e a participación activa.

Inés Rey rematou subliñando que "vós sodes os cidadáns máis críticos, pero tamén os máis respectuosos. As vosas propostas non só melloran A Coruña, senón que nos ensinan a mirar a cidade con novos ollos". O programa continuará o seu traballo no futuro para que as voces infantís sigan xogando un papel clave na transformación da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.59027004241943