As promesas do hóckey estatal xóganse o título na Rabadeira

O pavillón da Rabadeira converterase esta fin de semana nun dos grandes escenarios do hóckey a patíns de base coa celebración do XXX Campionato de España de seleccións autonómicas infantís masculino. Oleiros recibirá durante catro xornadas ás mellores promesas deste deporte, que competirán representando ás súas respectivas comunidades autónomas.
A competición foi presentada esta mañá na Fábrica, nun acto no que participaron a concelleira de Deportes, Teresa Vázquez; a presidenta da Federación Galega de Patinaxe, María Jesús Vázquez Méndez; e o vicepresidente da Real Federación Española de Patinaxe, Ignacio González.
O campionato arrincará o xoves e prolongarase ata o domingo cun calendario intenso de partidos desde primeira hora da mañá. A fase final decidirá tanto o título estatal como o resto das posicións da clasificación definitiva, nun torneo que permitirá ver en Oleiros a algunhas das novas referencias do hóckey a patíns español.
A selección galega debutará fronte a Cantabria e completará a fase de grupos con encontros ante Euskadi, Navarra e Madrid. O papel do equipo galego será un dos grandes atractivos para o público local, nunha cita que tamén servirá para achegar o deporte base de alto nivel á cidadanía.
A celebración deste Campionato de España supón un recoñecemento á capacidade organizativa de Oleiros e ao papel da Rabadeira como instalación preparada para acoller eventos deportivos relevantes. Ademais do impacto deportivo, a cita contribuirá á dinamización do municipio durante a fin de semana coa chegada de seleccións, familias, corpos técnicos e afeccionados.
A gran final disputarase o domingo 21 a partir das 13.30 horas, como peche dun torneo que situará a Oleiros no centro do hóckey a patíns infantil a nivel estatal.