As praias de Sada prepáranse para un San Xoán con madeira, sardiñas e normas de seguridade

Sada xa prepara unha das noites máis agardadas do ano. A celebración de San Xoán volverá encher os areais e espazos públicos do municipio o martes 23 de xuño, nunha xornada na que o Concello activará un dispositivo especial de seguridade, emerxencias, limpeza e mantemento para garantir que a festa se desenvolva con normalidade.
As persoas que queiran organizar cacharelas deberán comunicalo previamente ao Concello, tanto se se realizan en espazos públicos como en casas, fincas ou terreos privados. A notificación poderá tramitarse por vía telemática ou a través do Rexistro Xeral ata o venres 19 de xuño. Na comunicación deberán figurar os datos da persoa responsable, o DNI e o enderezo do lugar no que se vai realizar a fogueira.
O Concello lembra que as cacharelas deberán estar vixiadas en todo momento, mesmo cando só queden brasas, e que será obrigatorio contar con medios suficientes para controlar o lume, especialmente auga. En caso de incidencia, os teléfonos de referencia serán o 112 e o Servizo Municipal de Emerxencias, no 607 43 84 57.
Un dos puntos principais da festa estará no Curruncho da Praia das Delicias, onde o Concello poñerá a disposición da cidadanía 10 toneladas de madeira de balde para facilitar a organización das lumaradas. A retirada poderá facerse desde o mediodía do 23 de xuño e non será necesario presentar solicitude previa, aínda que se pide facer un uso razoable para que a madeira poida chegar ao maior número de grupos posible.
A partir das 19.00 horas tamén se poderán deixar nos areais os materiais destinados ás fogueiras. Esa mesma hora marcará o inicio da sardiñada popular organizada polo Concello no Curruncho da Praia das Delicias. A ración custará 7 euros e incluirá seis sardiñas, pan de broa, bebida e cunca conmemorativa.
O dispositivo municipal establece que as praias Nova, As Delicias, Cirro, San Pedro, Morazón e Arnela deberán quedar libres ás 06.00 horas do 24 de xuño para permitir os traballos de limpeza. Ademais, o baño estará prohibido en todas as praias do termo municipal desde as 22.00 horas do día 23 ata as 09.00 horas do día 24 por razóns de seguridade.
A celebración incluirá tamén unha ampliación do horario xeral de peche dos establecementos de hostalaría durante a noite do 23 ao 24 de xuño. A Alcaldía autorizará un máximo de dúas horas adicionais sobre o horario habitual de cada local, sen que iso exima do cumprimento das condicións establecidas nas súas licenzas.
O Concello fai especial fincapé nun San Xoán máis sostible. Estará prohibido empregar combustibles líquidos ou acelerantes, así como levar ás praias rodas, cauchos, colchóns, madeira lacada, gomaespuma, mobles, sofás, palés, caixas con cravos ou calquera material que poida emitir gases tóxicos ou supoñer un perigo. Tampouco se permitirá acceder aos areais con recipientes de vidro nin trasladar madeira empregando contedores de lixo.
As normas tamén vetan a solta de globos de papel, farois chineses, voadores ou elementos similares que empreguen lume para ascender. Ademais, queda prohibido prender fogueiras na zona de mesas e arborado do Curruncho, así como en calquera outro espazo verde do municipio.
O Concello de Sada apela á responsabilidade individual e colectiva para que a noite se viva con respecto ao medio ambiente, aos espazos públicos e á convivencia. Tamén chama a alertar aos corpos de seguridade ante calquera comportamento que vulnere a liberdade ou o benestar das persoas, con especial atención ás violencias machistas, ás LGTBI-fobias, ao racismo e á xenofobia.