As praias de Oleiros deberán quedar baleiras ás 4.00 horas para a limpeza de San Xoán

ACoruñaXa
O Concello repartirá leña gratuíta desde as 20.00 horas e lembra que estará prohibido acceder aos areais con vidro, mobles, plásticos ou materiais perigosos
OLEIROS san xoan
23 Jun 2026

As praias de Oleiros deberán estar completamente desaloxadas ás 4.00 horas desta madrugada para permitir a entrada dos equipos de limpeza tras a celebración de San Xoán. O Concello pide colaboración cidadá para que os traballos poidan realizarse con axilidade e sen riscos, xa que por motivos de seguridade non pode haber persoas preto da maquinaria mentres circule pola area.

A medida forma parte do dispositivo municipal previsto para unha das noites con maior afluencia do ano nos areais. O Concello lembra que as fogueiras nas praias non poderán instalarse antes das 20.00 horas e deberán estar rematadas, como moi tarde, ás 4.00 horas. Ao día seguinte, todos os areais abrirán con normalidade agás Bastiagueiro, que estará dispoñible aproximadamente a partir das 12.00 horas.

Para reducir riscos e evitar a contaminación da area, o Concello repartirá leña gratuíta desde as 20.00 horas en varios puntos do litoral: nos accesos á praia de Bastiagueiro, na caseta de socorrismo de Santa Cristina, na praza do Castelo de Santa Cruz e na zona do peirao de Mera.

O dispositivo tamén inclúe restricións sobre os materiais que se poden empregar. Non se permitirá queimar plásticos, gomas ou substancias que desprendan fume tóxico, nin acceder ás praias con vidro, cristais, mobiliario, sofás ou táboas con puntas. As fogueiras deberán colocarse en liña, afastadas do mobiliario urbano, e deberán quedar completamente apagadas antes de abandonar o lugar.

A Policía Local, a Garda Civil e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil velarán polo cumprimento das normas durante a noite. O obxectivo é garantir unha celebración segura e evitar que a festa deixe danos persoais, materiais ou ambientais nos areais do municipio.

0.11331081390381