As piscinas de Curtis e Teixeiro abren este venres con baño libre e cursos de natación

ACoruñaXa
A tempada prolongarase ata o 31 de agosto e as inscricións para iniciación, perfeccionamento e aquagym estarán abertas ata o 23 de xuño
CURTIS piscina
16 Jun 2026

As piscinas municipais de Curtis e Teixeiro abrirán este venres 19 de xuño a tempada de baño de verán. A primeira xornada comezará ás 15.00 horas e, a partir de aí, as instalacións permanecerán abertas ata o 31 de agosto.

O horario habitual será de luns a domingo, de 12.00 a 20.00 horas, polo que a veciñanza poderá facer uso das piscinas durante toda a semana ao longo da tempada estival.

Ademais do baño libre, o Concello de Curtis porá en marcha os Cursos de Natación 2026, que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto nas dúas localidades. A oferta inclúe tres modalidades: iniciación, perfeccionamento e aquagym.

O prezo será de 20 euros ao mes. As clases impartiranse os martes e xoves en Curtis e os luns e mércores en Teixeiro. Os horarios concretos organizaranse segundo os grupos o primeiro día de clase, aínda que de maneira aproximada iniciación comezará ás 12.15 horas, perfeccionamento ás 13.00 horas e aquagym ás 13.45 horas.

Cada grupo terá un mínimo de 8 persoas e un máximo de 15. O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de xuño nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica do Concello.

0.1399929523468