As persoas maiores poderán percorrer o Camiño Inglés nos novos 'Roteiros saudables' de Abegondo

O Concello de Abegondo pon en marcha unha nova edición do programa 'Roteiros saudables: maiores activos', unha iniciativa pensada para fomentar a actividade física, a convivencia e os hábitos saudables entre as persoas maiores do municipio.
A programación comezará este venres, 8 de maio, e prolongarase ata o día 29. En total, organizaranse catro saídas, tres delas vinculadas ao Camiño Inglés e unha última polo roteiro Mariñán.
A primeira ruta terá lugar este venres cun percorrido de 12 quilómetros entre A Coruña e o parque empresarial de Alvedro. A seguinte saída será o venres 15 de maio, desde Alvedro ata o bar Centro de Sarandós.
O programa continuará o venres 22 de maio cunha etapa de 10 quilómetros que partirá desde Sarandós e rematará en Bruma. A última actividade celebrarase o venres 29 de maio co roteiro Mariñán, entre Sada e Bergondo.
Todas as rutas terán unha dificultade baixa ou media e unha duración aproximada de entre dúas horas e dúas horas e media. O punto de saída e chegada será sempre o pavillón municipal de Abegondo.
As persoas interesadas en participar ou recibir máis información poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello.