As persoas maiores de Oleiros estrean as rutas culturais 'Ven e Descubre' cun percorrido pola astronomía galega

ACoruñaXa
A primeira saída, celebrada onte, reuniu veciñanza de Perillo nun itinerario dedicado a Ramón Aller Ulloa e ao mosteiro de Carboeiro
OLEIROS ven y descubre
4 Jun 2026

O programa de excursionismo cultural 'Ven e Descubre', dirixido a persoas maiores de 65 anos, botou a andar onte coa primeira das súas saídas, unha ruta titulada 'Terra de astrónomos' que combinou divulgación científica, patrimonio histórico e participación veciñal.

A xornada inaugural contou coa presenza de veciños e veciñas de Perillo, que non só seguiron as explicacións previstas no itinerario, senón que tamén achegaron lembranzas, coñecementos e historias propias sobre o territorio, enriquecendo a actividade cun valioso compoñente de memoria compartida.

O percorrido tivo como fío condutor a figura de Ramón Aller Ulloa, astrónomo e matemático galego considerado unha referencia nesta disciplina e fundador do primeiro observatorio astronómico de Lalín e do observatorio da Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria serviu para introducir ás persoas participantes na relación entre Galicia, a ciencia e a observación do firmamento.

Un dos puntos centrais da saída foi a visita ao mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, unha xoia do románico de transición. Alí, os guías explicaron a conexión entre a arquitectura medieval, a visión simbólica do ceo e a importancia dos astros na mentalidade da sociedade dos séculos XII e XIII.

A boa acollida desta primeira ruta confirma o interese do programa como proposta para redescubrir Galicia desde a historia, a arte, os monumentos e a divulgación cultural. Nos vindeiros meses, veciños e veciñas doutras localidades tamén participarán nesta excursión.

0.11570286750793